Durante este mes de agosto, un só médico dará cobertura os centros de saúde de Carballedo e Tenorio. Así o denunciou este martes o PSOE de Cerdedo-Cotobade, que sinala que a situación sanitaria xa era complexa pola falta de facultativos no PAC de Cerdedo e agora complícase.
Segundo sostén o PSOE, os usuarios e usuarias do centro de saúde de Tenorio serán atendidos ou ben no PAC da Parda en Pontevedra ou ben en Carballedo, a 14 quilómetros de distancia e en dirección contraria en caso de unha urxencia (subir a Carballedo para voltar a Montecelo).
Os socialistas sinalan que as consecuencias desta situación xa se viviron este martes, pois as persoas que acudían ao centro médico de Tenorio tiveron que regresar ás súas casa sen recibir asistencia.
Ademais, sinalan que habitualmente o centro de saúde de Carballedo é atendido por dous médicos, pero durante o período vacacional tan só hai un.
"A saturación era evidente, agora pasa a ser caótica", sinalan desde o PSOE, pois un só médico debe atender os pacientes de tres, os dous de Carballedo e o de Tenorio.
Segundo sinala Lina Garrido, voceiro do PSOE local, a "indignación" fixo que moitos e moitas presentaran este martes as súas queixas por rexistro, xa que "o panorama non pinta ben", tendo en conta que o Sergas non ten previsto cubrir as vacacións nin as baixas, "o que leva a que a precariedade do sistema se multiplique e a falta de recursos humanos provoque unha situación de risco para a saúde en moitas ocasións".