A concellería de Memoria Histórica anuncia que o programa 'A Memoria das Mulleres', posto en marcha a finais de 2013, amplía contidos a través da súa páxina web 'Do gris ao violeta' coa idea de profundar no legado deixado por mulleres pontevedresas aumentando o contido documental, gráfico e audiovisual.
Ao longo deste 2022 actualizáronse dous roteiros dentro da web, correspondentes á de Mulleres en San Amaro e o Roteiro sobre as Mulleres represaliadas. Nas dúas inclúense novos mapas coa versión en audio dos textos. Desta forma quérese facilitar o acceso a persoas con dificultades de visión e tamén para realizar seguimento in situ. O Concello anuncia que, en próximos días, actualizaranse outros dous roteiros. Ademais, os audios de todos os paseos atópanse dispoñibles en podcast a través de plataformas como iVoox e Soundcloud.
A área de Memoria Histórica tamén continúa coa publicación na rede social Tiktok de traballos dacreadoras María Rúa, Helena López e Sara Seco con vídeos sobre Regina do Batán; Aurora Argibay e, a finais de xuño, sobre Rosa Malvar. Trátase de oito vídeos que se difundirán a través desta plataforma coa intención de chegar ao público máis novo.
Tamén se atopa en marcha o novo espazo denominado Autobiografías coa posibilidade de elaborar biografías tanto propias como dalgunhas mulleres que sexan próximas ás que a xente queira entrevistar. A web propón modelos de entrevistas tanto para o público xeral como para o alumnado dos centros de ensino. Na sección de Autoentrevistas de mulleres novas xa hai sete publicadas como novas biografías.
Durante o segundo semestre deste 2022 ampliaranse as seccións e vai elaborarse un folleto impreso cun mapa de accións en espazos públicos.