Nova vítima do 'éxodo' bancario: Portas queda sen a súa única oficina de Abanca

Umia
26 de agosto 2021

Abanca pechará a súa única oficina en Portas o próximo 22 de outubro. Esta decisión, que desde a entidade aseguran que é irrevogable, foi comunicada este xoves polos responsables de zona do banco na reunión que mantiveron co alcalde

Caixeiro de Abanca Mónica Patxot

Abanca pechará a súa única oficina en Portas o próximo 22 de outubro. Esta decisión, que desde a entidade aseguran que é irrevogable, foi comunicada este xoves polos responsables de zona do banco na reunión que mantiveron co alcalde.

Tras coñecer os plans de Abanca, Ricardo Martínez mostrou a súa indignación ante un feito que condena a Portas a quedar sen servizos bancarios de ningún tipo.

Ante iso, decidiu convocar unha xunta de portavoces para este venres para poder crear unha fronte común, similar ao que existe noutros municipios afectados, para impulsar medidas alternativas para "mitigar esta agresión", sinalou o alcalde. 

O rexedor manifestou a súa "incomprensión" ante esta decisión do banco, que aboca ao concello a buscar alternativas noutras entidades bancarias "porque o que está claro é que non imos quedarnos cos brazos cruzados".

Martínez entende que hai que protexer á poboación maior vítima da brecha tecnolóxica "e que non se entende nin con caixeiros intelixentes nin coa banca electrónica".

Quedar sen oficinas bancarias, engadiu o alcalde de Portas, é un "auténtico pau" ao proceso de recuperación económica e social do municipio, que tiña nesta entidade financeira unha ferramenta de apoio "moi útil para nós".

MANIFESTACIÓN EN CAMPO LAMEIRO

Mentres tanto en Campo Lameiro continúan os preparativos para a manifestación que se celebrará mañá venres, ás 20:30 horas, para protestar polo peche da sucursal de Abanca no municipio, a única oficina bancaria que existe.

Haberá un amplo dispositivo de Protección Civil para controlar que en todo momento se cumpran as medidas sanitarias e a manifestación estará encabezada polo alcalde e os portavoces dos tres grupos políticos da corporación.

O goberno municipal confía en que haxa un respaldo masivo por parte dos veciños de Campo Lameiro e reitera que retirarán todo o seu diñeiro de Abanca se esta pecha a sucursal.