Nova vida ao parque infantil da praza 8 de Marzo: reabre un mes despois restaurado e máis seguro

Pontevedra
14 de abril 2021

O parque infantil da praza 8 de Marzo de Pontevedra, na coñecida como Cidade de Pedra, abriu este mércores tras preto dun mes pechado cunha nova vida e en condicións de seguridade máis elevadas tras ser sometido a unha completa restauración e rehabilitación de todos os elementos de xogo, valado e mobiliario 

Iván Puentes, na reapertura do parque infantil da praza 8 de Marzo Mónica Patxot

O parque infantil da praza 8 de Marzo de Pontevedra, na coñecida como Cidade de Pedra en Eduardo Pondal, abriu este mércores tras preto dun mes pechadocunha nova imaxe e en condicións de seguridade máis elevadas tras ser sometido a unha completa restauración e rehabilitación de todos os elementos de xogo, valado e mobiliario. 

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, cortou este mércores o precinto que pechaba as instalacións por mor das obras e fixo unha visita á zona de xogo acompañado polo xefe do Servizo Municipal de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, e polo representante da empresa responsable das obras, Baygar, Pablo Loureiro. 

Puentes lembrou que esta actuación é "unha máis dunha liña de traballo que comezamos a primeiros deste ano", que consiste en manter e en mellorar a seguridade de todos os parques infantís do Concello de Pontevedra. As distintas actuacións comezaron a principios de 2021, pero son resultado dun exhaustivo estudo durante 2020 para coñecer os aspectos nos que os parques podían non cumprir a normativa ou implicar algún tipo de risco potencial co fin de "poder adaptalos á normativa europea máis esixente e poder obter unha certificación de seguridade de todos eles", segundo deu a coñecer o concelleiro. 

Nos últimos meses xa se actuou en parques de Monte Porreiro, Tafisa e Valdecorvos e nestes momentos están actuando no de Barcelos. No caso deste da praza 8 de Marzo, Iván Puentes explicou que se fixo unha "intervención absolutamente completa" desde o punto de vista da seguridade e do mantemento e o resultado e un parque que ten os elementos coma novos e demostra que "moitas veces, adicamos moito tempo a facer obras novas, pero tan importante como iso é manter o que temos en boas condicións".

Neste parque actuouse no valado perimetral, instalouse un elemento para evitar o risco de quedar atrapado na parte superior do valado, mellorouse o chan de caucho facendo un recrecemento debaixo dos diversos xogos para recuperar o amortecemento e darlles máis seguridade e desmontáronse e restauráronse todos os xogos. Nos elementos de xogo, recuperáronse pezas, pintáronse e renováronse. Ademais, mellorouse o mobiliario urbano, desde papeleiras a bancos ou a fonte.

Pablo Loureiro, de Baygar, explicou que o proxecto, que supuxo un investimento de 20.023,56 euros, supuxo actuar "principalmente nas áreas de seguridade do propio parque". Ademais dos propios elementos de xogo, houbo intervencións complementarias como aumentar o espesor das zonas de caída libre ata 16 centímetros, reforzouse a rede de trepa retirando elementos que puideran supoñer riscos e tanto as papeleiras como os rebaixes dos farois foron totalmente restaurados para evitar hipotéticos riscos ou danos por cortes. 

A imaxe exterior é tamén a dun parque novo porque se actuou en aspectos estéticos como un pintado íntegro de todo o valado perimetral e dos catro bancos do interior e os tres do perímetro exterior. Un destes bancos situado no corredor de entrada mesmo se desprazou para dar mellor acceso. Tamén se cambiaron os carteis informativos para adaptalos á normativa actual