A nova taxa do lixo de Soutomaior, 40 euros máis alta e con bonificacións

Soutomaior
01 de novembro 2024

Desde o Goberno local sitúan este incremento do recibo como consecuencia da subida do prezo dos servizos da empresa pública de tratamento de residuos Sogama

Contedores de lixo en Soutomaior Concello de Soutomaior

O Concello de Soutomaior deu a coñecer este xoves que a partir de xaneiro de 2025 a taxa do lixo subirá no municipio e a veciñanza terá que pagar unha media de 40 euros máis.

Desde o Goberno local sitúan este incremento do recibo como consecuencia da subida do prezo dos servizos da empresa pública de tratamento de residuos Sogama, á que están adheridos a maior parte dos municipios galegos. 

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, denuncia que co "taxazo de Sogama imposto pola Xunta" , a veciñanza de Soutomaior "paga as consecuencias" de que o PP optase no seu día por un modelo de tratamento de residuos "altamente contaminante e contrario as directrices que marca Europa".

A normativa europea, que ten a súa transposición na Lei de residuos do Estado español, establece que a queima de residuos que practica Sogama non pode considerarse un tratamento sostible e polo tanto terá que pagarse sen ningún tipo de subvención ambiental. Isto provoca que o prezo do tratamento do lixo pase dos 78 a 108 euros por temporada o vindeiro ano

Lourenzo sinalou que a normativa europea que obriga a repercutir nos usuarios o custo do tratamento do lixo entra en vigor en abril de 2025 e en Soutomaior isto coincide coa nova concesión do contrato do servizo de recollida do lixo que ata o de agora realizaba a empresa Urbaser.

O actual contrato con Urbaser levaba vixente dende hai 20 anos, o prazo rematou e agora hai que sacar unha nova licitación.

O Concello vai cumprir a lei que obriga a que a veciñanza paga, pero na parte do servizo de recollida, o Concello realizará bonificacións e non vai repercutir na veciñanza o incremento que supón a nova concesión.

O Goberno local tamén habilitará bonificacións ás familias que o precisen e a aquelas persoas que reciclen. Para iso, avanza no proceso de contratación dun técnico medioambiental e está cunha campaña na que repartirá centos de composteiros entre a veciñanza.