Nova solicitude para que a Lei de Ordenación do Litoral recoñeza a singularidade da Illa de Arousa

O Salnés
21 de xaneiro 2023

O goberno local presentou unha alegación ao anteproxecto na que pide que se aproveite a oportunidade de recoñecer a realidade do único municipio insular de Galicia

A Illa de Arousa, no programa "Volando voy" Mediaset España

O Concello da Illa de Arousa presentou unha alegación ao anteproxecto da Lei de Ordenación do Litoral de Galicia. Neste escrito solicita outra vez que se recoñeza a singularidade do territorio insular, ao tratarse do único municipio insular de Galicia.

Ese recoñecemento supoñería finalizar coas limitacións derivadas da normativa que afecta o litoral e os obstáculos para a súa aplicación práctica. Desde o goberno local que lidera o alcalde Carlos Iglesias piden que se aproveite "en positivo, esta nova modificación da Lei para introducir unha cláusula" que sinale esta particularidade do municipio arousán.

No escrito presentado lémbrase que desde o ano 1997 cando levou a cabo a segregación solicitaron este recoñecemento e que se atendan aos valores que definen o territorio da Illa de Arousa como son o litoral e o medio ambiente, con recursos como o parque natural de Carreirón ou o Monte Palmeira.

Lembran na alegación que o solo supón un "ben escaso" na Illa, iso provoca que a dotación de novas infraestruturas ou a recuperación das frontes marítimas, recollidos no Plan Xeral de Ordenación Municipal, sería "imposible de executar" coa normativa en vigor.

Demanda tamén que a Zona Urbana Consolidada, moi compactada, póidase manter e transformar como motor social e económico do municipio. Sinala tamén que se a lei non atende estes condicionantes moitas iniciativas que poñen en valor o litoral se atopen con "cortapisas xeneralistas".

O Concello tamén fai referencia ás relacións interadministrativas con outras entidades con competencias no litoral solicitando que prime nun municipio singular un modelo territorial "diverso e equilibrado". Ademais inclúese unha exposición das consecuencias da apertura da ponte sobre un tecido urbano que se conformou sen vehículos, con rúas estreitas e sen garaxes no seu momento cando agora rexistra unha media de 2,5 coches por unidade familiar mostrando a evolución dos sectores produtivos do municipio.