Nova sala polivalente na Casa de Cultura de Seixo

Marín
21 de setembro 2021

A alcaldesa María Ramallo, acompañada dos concelleiros Elisa Dopazo e Pablo Novas, visitaba as instalacións, que contan cunha nova disposición para facilitar a organización de actividades por parte das asociacións. Ademais, a alameda renovou a madeira da bancada exterior

A alcaldesa de Marín, con dous concelleiros, na bancada reformada da Alameda de Seixo Concello de Marín

A Alameda e a Casa de Cultura de Seixo presentan unha nova imaxe despois das melloras realizadas durante os últimos meses nestes espazos que acollen a vida social desta parroquia.

Desta forma, o interior da Casa de Cultura ofrece agora unha sala polivalente máis ampla ao unirse dous espazos. A intención desta obra era permitir actividades das asociacións aumentando a capacidade de participantes coa opción de incrementar as iniciativas sociais.

Tamén levou a cabo unha intervención para renovar a madeira da bancada exterior da Alameda. Estes elementos atopábanse en mal estado e supoñían un perigo de seguridade ao ser un espazo moi utilizado por escolares.

O investimento das dúas obras aproxímase aos 15.000 euros, segundo manifestou a alcaldesa María Ramallo que visitaba a zona, acompañada polos concelleiros Elisa Dopazo e Pablo Novas. As actividades na Casa de Cultura está previsto que se retomen a principios do mes de outubro.

REFORMA INTEGRAL DE PEDREIRAS

Tamén este martes realizouse a adxudicación inicial da primeira fase das obras para reformar integralmente Pedreiras. Trátase dun proxecto para  rehumanizar gran parte do núcleo coa renovación dos servizos municipais.

Na primeira fase está previsto iniciar a intervención na Rúa Pedreiras de Arriba, nun espazo de 700 metros cadrados, cun orzamento próximo aos 202.500 euros.

As seguintes fases afectarán á Rúa de Pedreiras do Medio, Rúa de Pedreiras de Abaixo e ao Lavadoiro e os Camiños da Fonte de Pedreiras, en catro etapas.

O investimento total das obras alcanzará os 843.000 euros, financiadas co Remanente de Tesourería.