Nova ronda de visitas guiadas ao recinto conventual de Santa Clara

Pontevedra
02 de maio 2024

Será o venres 7 de xuño ás 18:00 horas e os días 8, 15, 16, 22 e 23 de xuño ás 11:00 horas. O prazo de inscrición para obtener praza nas visitas guiadas abrirá o 28 de maio e poderá realizarse a través da páxina web do Museo de Pontevedra

Visitas guiadas a Santa Clara Cristina Saiz

As portas do convento de Santa Clara volverán abrir no mes de xuño.

A Deputación de Pontevedra programou unha nova rolda de visitas guiadas que se iniciará o venres 7 de xuño ás 18.00 horas e terá continuidade os días 8, 15, 16, 22 e 23 do mesmo mes ás 11.00 horas.

O 28 de maio abrirá o prazo para solicitar praza para estas visitas guiadas na páxina web do Museo de Pontevedra.

O persoal da área de Educación do Museo de Pontevedra será o encargado de acompañar a un grupo de vinte visitantes ofrecéndolle datos sobre este espazo conventual.

A visita durará unha hora e o percorrido comezará na igrexa para, a continuación, achegarse a outras estancias como o coro baixo, o coro alto e o claustro. Tamén se visitará a horta e o bosque situados dentro do recinto.

O convento de Santa Clara, a súa leira e tamén o muro atópanse catalogados como ben con protección para a conservación monumental.

A primeira referencia directa documental do convento remóntase a 1293, nun documento que permanece na Colección Casto Sampedro do Museo de Pontevedra no que se indica a doazón que se fixo a Tareixa Pérez, monxa de Santa Clara.

A igrexa é do século XIV e responde o estilo gótico con diversos retablos barrocos.

Destaca o xardín como patrimonio natula ao contar cunha extensión de 12.000 metros cadrados con presenza de numerosas árbores froiteiras.