Nova protesta da xunta de persoal durante o pleno: "Só queren que os aplaudan e nós non estamos aquí para iso"

Pontevedra
20 de xaneiro 2023

Héctor Santaló, secretario da xunta de persoal do Concello de Pontevedra, ante o conflito laboral que existe na administración local afirma que "os políticos teñen nas mans unha maquinaria que non están capacitados para manexar e non se deixan asesorar"

Representantes da xunta de persoal no pleno do Concello de Pontevedra PontevedraViva

Representantes da xunta de persoal do Concello concentrábanse ás portas do Teatro Principal este venres 20 de xaneiro antes do inicio do primeiro pleno municipal do ano, que seguiron desde as butacas manifestando o seu malestar co grupo de goberno. 

Héctor Santaló, secretario da xunta de persoal, asegura que continuarán coas protestas ata que o alcalde"dea signos de que nos escoita". Denuncia a política de persoal do goberno local a quen acusa de negar dereitos, incumprir cnvenios, ou arquivar acordos unilaterais; cuestións que "redundan na saúde dos traballadores e na calidade dos servizos públicos".

Explicou que estas condicións laborais afectan a situacións tan comúns como a rapidez na concesión dunha licenza; a efectividade da recollida de lixo ou a instalación ou retirada das luces de Nadal.

"Os políticos teñen nas súas mans unha maquinaria que non están capacitados para manexar e non se deixan asesorar por alguén que o faga ben. Só queren que os aplaudan e nós non estamos aquí para iso", asegura Santaló.

Lembra que as negociacións co departamento que dirixe Carme Fouces permanecen paradas ao carecer dun interlocutor con "unha experiencia para falar connosco". As súas acusacións diríxense persoalmente á concelleira e ao director xeral de Recursos Humanos, José Manuel González Abal: "Fouces por onde pasa, arrasa e o director xeral, nomeado pola súa capacidade para xestionar persoal, está privado de actitude técnica e de experiencia en xestión de equipos humanos", indica Santaló.