Nova petición para institucionalizar o Día da Galiza Mártir, que a Xunta se abre a avaliar "con tranquilidade e sosego"

Poio
17 de agosto 2023

Luís Bará non participou na homenaxe na Caeira e criticou a "escenificación absolutamente hipócrita e oportunista" que supón a presencia dun membro do Goberno do PP no acto: "Semella un intento de desvirtuar o significado da Galiza Mártir, de desnaturalizar o sentido profundamente político da obra de Bóveda e as razóns do seu asasinato"

Os alcaldes de Pontevedra e Poio, a concelleira Eva Vilaverde e o conselleiro de Cultura, no Día da Galiza Mártir 2023 Mónica Patxot

O deputado do BNG Luís Bará e o alcalde de Poio, Ángel Moldes (PP), volveron poñer este xoves voz a unha reivindicación histórica do nacionalismo galego e das asociacións de memoria histórica, a institucionalización do Día da Galiza Mártir. 

A petición volveuse realizar con motivo da conmemoración este 17 de agosto do Día da Galiza Mártir e do aniversario do asasinato de Alexandre Bóveda no monte da Caeira e o conselleiro de Cultura e Educación da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, que acudiu por primeira vez ao acto en Poio, xa respondeu a esta petición

A preguntas dos medios de comunicación, Román Rodríguez lembrou que se trata dunha "reivindicación histórica" que "se ten que estudar partindo dun consenso". Así, sinalou que a petición sempre foi "unha teima" dunha formación política en concreto, o BNG, que agora "se se quere que sexa de todos, haberá que avaliar con tranquilidade, con sosego e ver se se pode levar a cabo ou non". 

Máis aló desta petición, Román Rodríguez quixo aproveitar para sinalar que acto deste 17 de agosto debe servir para "reivindicar a liberdade, a democracia e a tolerancia" tendo en conta que unha persoa, Bóveda, foi asasinado polas súas ideas políticas. Aclarou tamén que este ano foi o primeiro que o Concello de Poio o convidou formalmente a este acto

Luís Bará non participou na homenaxe na Caeira e criticou a "escenificación absolutamente hipócrita e oportunista" que supón a presencia dun membro do Goberno do PP no acto. "Semella un intento de desvirtuar o significado da Galiza Mártir, de desnaturalizar o sentido profundamente político da obra de Bóveda e as razóns do seu asasinato, e de instaurar unha sorte de equidistancia propia dos discursos revisionistas", denunciou.

Para o BNG, a Xunta do PP ten que decidir "se está ao lado das vítimas do franquismo ou se está do lado dos seus verdugos". Engadiu que "non se pode celebrar un día e negar o pan e o sal todo o ano, como ocorre coas demandas do movemento memorialista galego".

O deputado nacionalista, coñecido activista pola memoria, presentou este xoves unha iniciativa no Parlamento Galego co obxecto de  institucionalizar o Día da Galiza Mártir para honrar a Alexandre Bóveda e a todas as persoas perseguidas e asasinadas polo franquismo na Galiza. "Non se pode saír na foto do Día da Galiza Mártir e negar durante anos a súa celebración institucional", insiste Bará. 

O Bloque considera que o Día da Galiza Mártir ocupa un lugar central no calendario da memoria histórica, unha data que honra a memoria e loita de Alexandre Bóveda e a de todos os homes e mulleres que coma el sufriron a persecución e o asasinato polo fascismo franquista español e lembra que o PPdeG "nega a mesma idea de memoria histórica e eliminou as políticas desenvolvidas no período 2005-2009", durante o Bipartito PSOE-BNG na Xunta. 

Durante a súa intervención no acto da Caeira, o alcalde de Poio tamén subliñou que o seu compromiso á institucionalización deste día "permanece firme e irrenunciable" e lembrou que leva dez anos, como líder da oposición en Poio, apoiando reivindicar, difundir e poñer en valor a figura de Alexandre Bóveda.