Nova petición de mellora urxente da N-541 despois dunha saída de vía dun motorista en Cernados

Cerdedo-Cotobade
05 de setembro 2023

Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, anuncia que reactivará a través do Pacto de Pedre, a reclamación urxente ao goberno central da mellora desta estrada despois do accidente rexistrado este martes 5 de setembro. O rexedor afirma que non se realizou ningunha das obras de emerxencia previstas para unha vía que comunica as provincias de Pontevedra e Ourense e onde se producía o tráxico accidente de autobús en Noiteboa

Accidente na N-541 en Cerdedo-Cotobade Protección Civil de Cerdedo-Cotobade

Este martes rexistrábase un accidente por saída de vía dun motorista á altura do lugar de Cernados, próximo á zona en que se producía a tráxica caída do autobús en Noiteboa.

O motorista viaxaba en dirección a Soutelo, segundo Protección Civil de Cerdedo-Cotobade, e perdeu o control. A moto impactaba contra un turismo ao saír da vía. O motorista foi atendido polos servizos sanitarios desprazados ata a zona.

Este novo suceso provocou que Jorge Cubela, alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, decida reactivar a esixencia ao goberno central para que acometa de forma urxente a mellora da estrada N-541, a través do Pacto de Pedre.

O máximo representante municipal advirte da falta de obras neste punto e sinala que a veciñanza está cansa de "tanta publicidade e fotos" sen que se acometan as obras de emerxencia previstas e anunciadas de forma "electoralista", segundo apunta Cubela.

O rexedor anuncia que volverán presionar a través dos alcaldes e alcaldesas que figuran no Pacto de Pedre para que se logre unha "solución definitiva" nunha estrada que comunica as provincias de Pontevedra e Ourense con gran afluencia de vehículos.

Cubela sostén que esta vía necesita unha actuación integral para mellorar a seguridade viaria, ao entender que ofrece un "perigo constante", sobre todo cando as condicións metereolóxicas son adversas.