"Hoxe empezamos unha nova era na Cámara de Comercio da man dos fondos Incyde". Tomaba a palabra o presidente da Cámara de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, José García Costas, este xoves e facíao ilusionado coa nova etapa que abría a entidade cameral na capital.
Son as súas primeiras palabras, como anfitrión, no novo local da Cámara na rúa Rosalía de Castro. Este xoves inaugurouse oficialmente o Dixital Hub de Pontevedra, do mesmo xeito que o centro homónimo de Vilagarcía, como dúas ferramentas de futuro enfocadas á transformación dixital de Pemes e emprendedores.
Impulsados pola Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa e cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través da Fundación Incyde das Cámaras de Comercio españolas, estes dous centros contarán con aceleradoras de emprendemento e internacionalización, proporcionarán apoio, equipamento e os últimos avances en dixitalización.
Este xoves inauguráronse ambos coa asistencia do presidente da Fundación INCYDE, José Luis Bonet, e serán complementarios. O hub de Pontevedra orientarase aos sectores forestal, transporte e loxístico, e o de Vilagarcía ao turismo e comercio minorista.
En Pontevedra, acompañáronos o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González; o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, o pontevedrés Pablo Fernández; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera; e o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez. En Vilagarcía, o presidente da Deputación, Luis López, e o alcalde, Alberto Varela.
Foi unha inauguración ao grande que, no caso de Pontevedra, ademais, supón a apertura dunha nova sede da entidade, unha vez confirmada a venda da sede histórica das Palmeiras e tras un paso duns meses por un local alugado na avenida Raíña Vitoria. En todo caso, tamén insisten na atención en liña a todo aquel que o desexe.
O vicepresidente terceiro da Cámara, o pontevedrés Eduardo Barros, destacou que estes novos Hub "son puntos de encontro para implementar as novas tecnoloxías dixitais" que lograrán que pemes e autónomos de distintos sectores logren "ser máis competitivos coa implantación dixital".
José García Costas insistiu en que estes Hub "xorden da vocación da nosa Cámara coas Pemes e emprendedores, que son os motores da nosa economía" e confía en que sexan "a panca de impulso para moitos proxectos" e impulsen a modernización do tecido produtivo.
"O gran obxectivo da Cámara de Comercio de Pontevedra é a dixitalización", reiterou García Costas, mentres Rafa Domínguez destacou que xa no ano 2018, cando presentou o seu primeiro proxecto para a Alcaldía de Pontevedra, da man de Pablo Fernández xa propuxo a creación de Hub empresariais. Agora que o ve unha realidade, resumiu: "Cámara de Comercio, 1. Concello de Pontevedra, 0".
Tanto José Luis Bonet como José González sinalaron estes Hub como exemplo de "colaboración público-privada dentro do ecosistema emprendedor" para aproveitar sinerxias e para unir a todos os actores crave da economía.