Nova concentración dos celadores para reclamar que os recoñezan como sanitarios

Pontevedra
15 de febreiro 2024

O colectivo denuncia que, a pesar das periódicas protestas e entrevistas con diferentes representantes públicos, os celadores seguen sen ver recoñecido o seu dereito para ser considerados como categoría sanitaria

Concentración do colectivo de celadores no exterior do Hospital Montecelo PontevedraViva - Arquivo

Este xoves 15 de febreiro, integrantes do colectivo de celadores da área Sanitaria Pontevedra e Salnés concentrábanse ás 12:00 do mediodía no exterior do Hospital Montecelo.

O colectivo denuncia que, a pesar das periódicas protestas e entrevistas con diferentes representantes públicos, os celadores seguen sen ver recoñecido o seu dereito para ser considerados como categoría sanitaria.

Gustavo Olmedo, portavoz dos celadores da área Sanitaria Pontevedra e Salnés explica que "dende o colectivo de celadores entendemos que en Galicia, e coas catro reunións que se produciron no ano 2022 coa Quinta Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia, non hai vontade política de presentar unha PNL (proposición non de lei) que recolla a categoría sanitaria, como así se fixo noutras Comunidades Autónomas".

Reclama "que se aplique xa o Decreto Lei de novas profesións do ano 2011 por parte do INCUAL (Instituto Nacional das Cualificacións) e ministerios correspondentes, e que todo iso se axuste ás actuais funcións, estando hoxe en día moi por encima do recollido na Orde Ministerial do 5 de xullo de 1971".

Lembra Olmedo que todas as funcións dos celadores están reguladas a través desta Orde de 1971, anterior á aprobación da Constitución Española (1978) e que cualifica de "claramente casposa, machista e franquista".