Un grupo de 25 alumnas e alumnos da Facultade de Comunicación do campus de Pontevedra realizarán durante as vindeiras semanas todo o traballo creativo dunha axencia de publicidade.
Será para facer realidade a nova campaña de concienciación sobre a violencia machista da Subdelegación do Goberno do Goberno.
A Subdelegación decidiu colaborar coa Universidade de Vigo para este proxecto, que se presentará como parte da programación do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, e está centrado na poboación migrante e a dobre vitimización das mulleres migrantes.
O alumnado do Máster en Dirección de Arte en Publicidade traballará en cinco grupos nas clases de cinco materias distintas para adquirir as competencias propias da materia desenvolvendo un proxecto práctico.
Así, as diferentes fases deste proxecto permiten ao alumnado "aprender unha dinámica de traballo propia dunha axencia", segundo explica a decana da facultade, Emma Torres.
O tema fixouse durante unha reunión co subdelegado do Goberno, Abel Losada; a responsable da Unidade Contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación, María José Rodríguez; e a decana, coordinadora esta iniciativa.
Antes desta primeira reunión de traballo co "cliente", os estudantes xa traballaran na preparación dese contacto e mantiveron este encontro para coñecer as necesidades detectadas por esta institución e definir o público obxectivo das súas propostas.
A partir de agora traballarán na definición das estratexias comunicativas que deberán plasmar nun briefing que presentarán á Subdelegación.
A idea é que o alumnado participe no acto do 25N da Subdelegación presentando os seus proxectos de campaña, para que logo, como se fose nun concurso público, se escolla unha das ideas iniciais para o seu posterior desenvolvemento. A partir de aí, o deseño dixital e audiovisual da campaña centrarase na idea elixida.
O traballo completarase coa elaboración de pezas publicitarias co obxectivo de que algúns dos resultados finais poidan ser empregados pola Subdelegación nas súas actividades de difusión.
Losada subliñou a importancia deste tipo de iniciativas para seguir concienciando na loita contra a violencia que sofren as mulleres polo feito de selo e fixo fincapé na idoneidade do tema escollido porque lle "preocupa especialmente" esa dobre vitimización que sofren as mulleres migrantes.
Este proxecto consolida a colaboración coa Subdelegación do Goberno que comezou o pasado curso, cando o alumnado deseñou campañas sobre a violencia machista en espazos de ocio.