Notable descenso dos casos de covid-19 en Pontevedra, Poio, Vilagarcía, Ponte Caldelas ou Sanxenxo

Pontevedra
08 de febreiro 2021

O descenso da incidencia da covid-19 que se rexistra na área sanitaria de Pontevedra xeneralizouse en practicamente todos os seus municipios. Moito máis acusada está a ser, iso si, naqueles que tiñan peores datos, segundo o balance do Servizo Galego de Saúde

Xente paseando con máscaras en Pontevedra Cristina Saiz

O descenso da incidencia da covid-19 que se rexistra na área sanitaria de Pontevedra xeneralizouse en practicamente todos os seus municipios. Moito máis acusada está a ser, iso si, naqueles que tiñan peores datos, segundo o balance do Servizo Galego de Saúde.

A cidade de Pontevedra conta este luns 8 de febreiro con 562 casos activos por covid-19. Son ata 44 menos dos que había o día anterior. A incidencia acumulada a 14 días reduciuse ata os 628 casos por cada 100.000 habitantes.

Poio, que se mantén nunha incidencia superior a 1.000, tamén experimenta unha notable baixada no seu número de infectados, 54 menos que onte, para un total de 307.

Os outros dous municipios na 'lista negra', Sanxenxo e Soutomaior, presentan quince e sete contaxiados menos, respectivamente. Teñen 176 e 152 habitantes con covid-19.

Moraña, con 43 casos activos (catro menos), volve saír da máxima incidencia e únese, entre os municipios con máis de 750 casos por cada 100.000 habitantes, a Ponte Caldelas, que ten 43 contaxiados (14 menos); e Vilaboa.

Vilagarcía de Arousa, que ten 193 infectados (23 menos); Marín, con 134 (seis menos); e Bueu, con 28 (catro menos); rexistran tamén importantes descensos, mentres que Meaño e Cuntis baixan un, ata os 36 e os 27 respectivamente.

Aumentan lixeiramente os seus casos activos con respecto a este domingo, nun máis concretamente, A Illa de Arousa (28), Cerdedo-Cotobade (26) ou A Lama (21); fronte aos dous que sobe Meis (38) ou os seis infectados máis que hai en Cambados (67).

Nas últimas 24 horas non houbo cambios en Barro (22), Portas (17) e Campo Lameiro (9).

A incidencia acumulada a 14 días de cada municipio, a partir dos datos proporcionados polo Servizo Galego de Saúde, pódese consultar no mapa que acompaña a esta información.