Nos últimos meses aumentou nun 50% o espazo urbano para o tránsito peonil en Cuntis

Umia
24 de xaneiro 2023

O alcalde, Manuel Campos, destaca a incidencia da plataforma única co casco histórico e no núcleo urbán e as novas rúas que se suman a este modelo urbanístico

Centro urbano de Cuntis Concello de Cuntis

Os diferentes proxectos acometidos polo Concello de Cuntis ao longo dos últimos meses na transformación do núcleo urbano tradúcense nun incremento superior ao 50 por cento de espazo para os peóns, segundo comunica o goberno local. 

Para o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, "avanzar na accesibilidade é unha prioridade polo que ás obras xa executadas o goberno local engade novos proxectos que consoliden o posicionamento de Cuntis á vangarda da accesibilidade na comarca".

A aceptación por parte da poboación do concepto de plataforma única en rúas do casco histórico e no núcleo da vila, levou ao equipo de Manuel Campos a extender este modelo ás rúas Olimpio Arca e Xoán Xesús González contando co respaldo económico da Deputación xa que, de xeito conxunto co Concello, destinou a estes proxectos algo máis de 1,2 millóns de euros.

"Esto supón un antes e un despois, tanto no noso deseño urbanístico como no concepto de mobilidade, xa que a plataforma única conleva a eliminación de barreiras arquitectónicas e, por tanto, a mellora da accesibilidade tanto para persoas en cadeira de rodas como para as familias con bebés, que non teñen en bordillos ou beirrarúas un impedimento para as sillas infantís", apunta Manuel Campos.

O goberno local ten sobre a mesa novos proxectos que melloran a mobilidade no termo municipal. O primeiro deles afecta á rúa Bernardo Sagasta e ó polígono industrial de A Ran, dotándoo dunha senda peonil e ciclable desde a área industrial ao casco urbano o que suporá un investimento cercano aos 600.000 euros que serán asumidos polo Concello de Cuntis e o IDAE.

O outro proxecto no que traballa o goberno local ten que ver coa travesía urbana da N-640, cunha proposta xa elaborada que en breve Manuel Campos presentará ao Ministerio de Transporte, Movilidad y Agenda Urbana. "A intención do goberno local é redactar o proxecto en breve debido á importancia de garantir a máxima seguridade dos peóns neste vial tan transitado", conclúe Manuel Campos.