Nos últimos dez días as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado realizaron na provincia un total de 2.591 dispositivos de control para vixiar o cumprimento das restricións de mobilidade aprobadas para frear a expansión da covid-19. Neles, participaron máis de 2.000 efectivos e concluíron con 11.114 persoas identificadas, 4.649 vehículos controlados e 351 propostas de sanción. A porcentaxe de propostas de sanción sobre a poboación controlada apenas chega ao 3,1 %.
Estes foron algúns dos datos analizados este venres nunha reunión no Centro de Coordinación Operativa (CECOR) da provincia, presidida pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, e á que asistiron o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela e comisario provincial accidental, Carlos Valcárcel, o comisario xefe accidental da Comisaría de Pontevedra, Camilo Loureiro, o inspector xefe da Policía Autonómica, Diego González, e o xefe territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, Ramón Pereiro.
Durante a reunión, os seus integrantes realizaron unha análise das cifras derivadas das restricións á mobilidade rexistradas desde o pasado día 28 de decembro ata o 6 de xaneiro. Os datos rexistrados durante as festividades do período natalicio xa foran expostos na anterior reunión deste órgano celebrada o pasado 28 de decembro.
A subdelegada do Goberno fixo balance de todo o período festivo. Así, desde o pasado 22 de decembro –día no que entraron en vigor as novas restricións aprobadas pola Xunta de Galicia- e ata o día 6 de xaneiro, a Garda Civil e a Policía Nacional levaron a cabo 4.300 dispositivos de control e vixilancia con más de 3.260 efectivos dedicados a eles e que alcanzaron a case 17.000 persoas e a máis de 7.500 vehículos. En total, interpuxéronse 682 propostas de sancións, unha cifra que representa un 4 % de sancións sobre o número total de persoas controladas.
Pola súa banda, e segundo os datos facilitados polo inspector xefe da Policía Autonómica, Diego González, o corpo policial autonómico levou a cabo do 22 de decembro ao 6 de xaneiro 80 dispositivos de vixilancia, nos que participaron 241 efectivos, se controlaron a 120 persoas e 84 vehículos e se elevaron 17 propostas de sanción.
A subdelegada do Goberno quixo agradecer ás Forzas e Corpos de Seguridade estatais e autonómicos o traballo realizado durante as festas, así como facer un chamamento á cidadanía para que continúe cumprindo coas medidas vixentes na nosa comunidade.