Non se presenta ao xuízo un dos furtivos sorprendido en Vilaboa con vieira e ameixa con toxina

Pontevedra
14 de xaneiro 2020

Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, sobre as 10.00 horas do día 06 de xuño de 2017, os acusados foron sorprendidos por axentes do Seprona de Galicia cando estaban a extraer ameixa e vieira, e xa contaban coa cantidade de 35,5 quilos de bivalvos que estaban contaminados por bacterias E. coli

Edificio xudicial da Parda Mónica Patxot

O Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra celebrou este martes un xuízo por furtivismo contra A. J. H. un dos dous acusados por este caso xa que o outro G. P. B., non compareceu.

Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, sobre as 10.00 horas do día 06 de xuño de 2017, os acusados foron sorprendidos por axentes do Seprona de Galicia cando estaban a extraer ameixa e vieira, e xa contaban coa cantidade de 35,5 quilos de bivalvos que estaban contaminados por bacterias E. coli.

Estes furtivos atopábanse faenando na contorna marítima de Pedra Dúas Caralletes en Acuña, no municipio de Vilaboa e, segundo a Fiscalía, facíao "coa clara finalidade de comerciar con elas e destinalas ao consumo humano". Ademais o Ministerio Público sinala que estas dúas persoas sabían "a posibilidade de que o xénero estivese corrompido por ausencia de evisceración controlada regulamentariamente".

Ademais carecían da preceptiva licenza da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e do preceptivo control da extracción por persoal do Servizo de Protección de Recursos, sen respectar os puntos de descarga previstos, "vulnerando flagrantemente a normativa" sobre transporte do molusco e incumprindo o procedemento regulamentario de eviscerado, "poñendo en grave perigo a saúde dos potenciais consumidores"

A maiores, a Fiscalía entende que os acusados tamén sabían que a actividade extractiva atopábase prohibida na devandita zona por resolución do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), clasificando a zona como clase C.

Analizada unha mostra da vieira incautada, constatouse a presenza das 54.000 bacterias E. coli por gramo de mostra analizada, sendo tal concentración "extremadamente daniña para a saúde" ao exceder notoriamente da permitida para o consumo humano, 48.000 bacterias E. coli por 100 gramos.

A Fiscalía acúsalles dun delito de marisqueo furtivo e outro contra a saúde pública en grao de tentativa polos que pediu para G.P.B., unha pena dun ano e tres meses de prisión, multa de oito meses con cota diaria de dez euros e rebaixou á metade a petición de condena para G. P. B., que si se presentou á vista oral e chegou a un acordo co Ministerio Público recoñecendo a autoría dunha parte dos feitos.

Ademais a Fiscalía pide a inhabilitación especial dos acusados para o exercicio de calquera actividade relacionada co comercio de peixes e mariscos por tempo de tres anos para o acusado ausente e dous anos para o que si acudiu ao xuízo.