"Non queremos pésames, non queremos minutos de silencio, non queremos loito"

Pontevedra
19 de setembro 2019

Esta era parte da mensaxe do manifesto lido polo Colectivo Feminista de Pontevedra na concentración celebrada este mércores diante da Audiencia provincial

Concentración feminista Crisitna Saiz

"Non queremos máis mulleres asasinadas. Non queremos pésames, non queremos minutos de silencio, non queremos loito. Queremos que non haxa ningunha muller máis asasinada. Querémonos Libres! Querémonos Vivas!".

Esta era parte da mensaxe do manifesto lido polo Colectivo Feminista de Pontevedra na concentración celebrada este mércores diante da Audiencia Provincial, á que se sumaron centos de persoas e na que se leu tamén un manifesto da Marcha Mundial das Mulleres.

Un acto de rexeitamento e condena ao asasinato de Sandra, María Elena e Alba, a mans de José Luis Abet Lafuente, ex marido, ex sogro e excuñado das mesmas, diante dos seus propios fillos de 4 e 7 anos.

Un novo golpe do "terrorismo machista" ante o que centos de persoas gritaron "Basta xa!. Nin unha menos!"

"José Luis Abet Lafuente, é o asasino terrorista machista número 41 deste ano, ao que lle preceden 1.015 asasinos machistas en España dende que se contabilizan oficialmente, no ano 2003. Que sociedade pode soportar isto?", dicía o manifesto.

O colectivo feminista denunciou a "violación sistemática do noso dereito fundamental á vida e á dignidade humana" e insistiu na esixencia de que toda a sociedade e as súas organizacións e institucións "se comprometan na loita contra o terrorismo machista".

Asimesmo, reclaman que esta loita e os recursos inclúan tanto a violencia que exerce a parella ou ex parella como as agresións sexuais, o acoso sexual no ámbito laboral, a trata con fins de explotación sexual/laboral de mulleres e nenas, "e todas as violencias machistas".

Tamén demandan que a prevención sexa unha política prioritaria, que inclúa un sistema coeducativo en todos os ciclos, a formación específica para todo o persoal profesional que intervén nos procesos, os medios de comunicación, a produción cultural e a sociedade civil na loita contra as violencias machistas.

E esixen que se implementen na súa totalidade as medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e se informe con transparencia do seu seguimento ás redes feministas.

Finalmente, piden que a Lei Galega de violencia de xénero sexa efectiva, "esiximos recursos e un compromiso de vontade real para acabar co terrorismo machista", concluíron.