A análise da situación epidemiolóxica e sanitaria de Galicia permite falar de "noticias importantes" de redución do número de casos activos de covid-19 e unha "boa tendencia" en canto aos ingresos de pacientes en planta de hospitalización convencional, mentres que se segue a vivir unha "situación preocupante" en unidades de coidados críticos.
Así o asegurou este mércores o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha comparecencia de prensa realizada para dar conta da reunión do comité clínico de expertos sanitarios celebrada o martes. Na mesma, quixo mandar dúas mensaxes á cidadanía.
A primeira é de recoñecemento ao "esforzo" da poboación que cumpre as normas aprobadas polas autoridades fronte á pandemia e de recordatorio ás persoas que non cumpren, para trasladarlle que "non hai máis que ver o que pasa nas UCIs para ver as consecuencias de non cumprir as normas". En Pontevedra hai este mércores 20 pacientes en UCI e en Galicia, 240.
A segunda mensaxe fai un chamamento a toda a poboación para que se presente aos cribados masivos que se van realizando nas distintas localidades.
Nesta mesma liña manifestouse o doutor Tato Vázquez Lima, responsable do Hospital do Salnés, que valora que maioritariamente a poboación colabora e pide que "aos poucos que non colaboran, hai que sinalalos e sancionalos". Sobre os cribados, lembra a súa importancia, pois "canto antes illemos un paciente, antes cortaremos as cadeas de contaxio".
Sobre a evolución da pandemia, quixo dicir que "temos moito traballo por diante, pero os datos son esperanzadores", pois empezan a verse sinais de melloría na hospitalización e "claramente, as medidas son efectivas".
En relación coa situación dos hospitais, o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores, advirte que Galicia continuará "unha tempada" cunha "situación de carga", pero tamén quixo valorar que en canto ás urxencias a situación é "boa". Nos hospitais galegos están ocupadas o 69 % das camas e o 13 % deses pacientes teñen covid-19. Nas camas de críticos, a ocupación é do 67%, dos que o 40 % son pacientes covid.
En canto á presión asistencial, no caso concreto da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés baixa da fase 3 á 2 na hospitalización convencional mentres se mantén na fase 3 en canto á área de críticos. Ata o momento, foi necesario trasladar á area sanitaria de Vigo 13 pacientes tanto de críticos como de planta de hospitalización e Pontevedra recibiu dous pacientes de Ferrol.
A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, relata en Galicia un descenso no número de casos activos a 7 e 14 días, cunha incidencia acumulada que baixou un 37% a 7 días e un 23% a 14 días entre o 1 e o 9 de febreiro. Así, a 7 días a IA pasou de 336 a 235 pacientes por cada 100.000 habitantes e a 14 días, de 740 a 591.
Trátase, polo tanto, dunha "fase descendente" que se ve tamén nas sete grandes cidades galegas. No caso de Pontevedra, a IA a 7 días pasou de 352 a 242 e a 14 días baixou de 650 a 595 por cada 100.000 habitantes.
Esta melloría na cidade do Lérez acentuouse na última semana. "La mejoría de Pontevedra a 7 días es bastante buena", sinalou Carmen Durán. De todos xeitos, tanto no caso concreto de Pontevedra como en Galicia en xeral, a responsable de Saúde Pública advirte que "hemos mejorado, pero estamos muy lejos de donde tenemos que estar" e que "no nos podemos confiar".
Esta especialista tamén deu a coñecer que ata o momento en Galicia hai 41 casos confirmados da cepa británica da covid-19.