Non hai festival no que se coma mellor que o PortAmérica

Umia
27 de outubro 2017

Con máis de trintena cociñeiros de prestixio nacional e internacional, non hai festival en toda España que alimente ao seu público mellor que o PortAmérica, que o pasado mes de xullo celebrou a súa sexta edición, a primeira en Caldas de Reis. Así o acreditou a IV edición dos Premios Fest, entregados en Bilbao

Festival PortAmérica 2017, na carballeira de Caldas Diego Torrado

Con máis de trintena cociñeiros de prestixio nacional e internacional, non hai festival en toda España que alimente ao seu público mellor que o PortAmérica, que o pasado mes de xullo celebrou a súa sexta edición, a primeira en Caldas de Reis. Así o acreditou a IV edición dos Premios Fest, entregados en Bilbao.

Estes premios, que recoñecen anualmente aos mellores festivais de música que se celebran no noso país, volveron a recoñecer a oferta gastronómica do PortAmérica por segundo ano consecutivo. Grazas ao voto do público, foi elixido como o festival cunha mellor zona de restauración.

PortAmérica fíxose co premio tras unha edición na que contou para o seu ShowRocking con trinta chefs internacionais, dez deles con Estrela Michelin e con vinte Soles Repsol, e onde houbo unha ampla representación galega, comisionados un ano máis por Pepe Solla.

Os chefs da edición 2017 do festival cociñaron en directo 45 petiscos gourmet diferentes para os asistentes, todos eles elaborados con produto galego. Durante os tres días do festival servíronse máis de 20.000 tapas.

Os cociñeiros Diego Guerrero, Roberto Ruiz, María Fernández, Javier Estévez, Javier Olleros, Yayo Daporta, Iván Domínguez, Julio Sotomayor, Daniel Guzmán, Edgar Núñez, Estanis Carenzo, Lucía Freitas, Diego López, Álvaro Villasante, Iago Pazos, Alberto Lareo, Jorge Gago, Maca de Castro, Xoán Crujeiras, Héctor López, Roberto Filgueira, Antonio Botana, Iñaki Bretal, Pablo Romero ou Pablo Pizarro, entre outros, formaron parte este ano do ShowRocking.

Ao recoller o premio, o director de PortAmérica, Kin Martínez, dedicou o premio a todos os compañeiros de Esmerarte, a promotora do festival, a Pepe Solla "unha persoa que nunca di que non", e moi especialmente a Galicia, arrasada estes días pasados polos incendios, "que se cobraron vidas, ilusións e futuro".