Nin unha zona habilitada para a práctica do parkour nin tampouco a construción dun parque canino en Pontevedra. Ningunha destas dúas mocións, presentadas respectivamente por Cidadáns e Partido Popular, lograron o respaldo da corporación municipal no pleno celebrado este venres no Teatro Principal.
Cidadáns pedira que o goberno municipal habilitase unha zona onde os seus afeccionados puidesen practicar o parkour en condicións adecuadas. María Rey explicou que se trata dunha petición dos afeccionados a este deporte urbano, que consiste en sortear obstáculos mediante saltos e acrobacias.
A súa moción tan só foi apoiada por Marea. A edil Mari Carmen Moreira considerou "positivo" apoiar a práctica en Pontevedra de deportes que non son maioritarios e, especialmente, o parkour ante a "demanda real" que hai na cidade "como se pode ver a diario" en zonas como a praza José Martí ou a rúa Gutiérrez Mellado.
Tanto o PSdeG-PSOE como o PP abstivéronse, aínda que con argumentacións diferentes. O socialista Iván Puentes sinalou que lle resulta "contraditorio" que se limite a práctica deste deporte "netamente urbano" a un espazo pechado, mentres que o popular Jacobo Moreira non considerou que deba ser unha "prioridade" para o Concello.
O BNG, por último, votou en contra polo que a moción de Cidadáns foi rexeitada.
Máis apoios, aínda que non os suficientes para que fose aprobado, logrou a moción do PP que pedía a creación dun parque canino no paseo fluvial dos Gafos para que os pontevedreses puidesen pasear ás súas mascotas.
Os votos do goberno municipal foron suficientes para descartar esta iniciativa, tras absterse os dous concelleiros de Marea. PSdeG-PSOE e Cidadáns votaron a favor.
A mesma sorte correu a outra moción presentada polo PP, que esixía ao goberno municipal asumir a xestión e o mantemento do pavillón de Monte Porreiro ou, na súa falta, cedelo a terceiros para que se fagan cargo destas instalacións.
Neste caso, tanto BNG como Marea votaron en contra, mentres que os tres concelleiros socialistas e a edil de Cidadáns optaron pola abstención.