A fin do estado de alarma, que decaerá ás 00:00 horas do domingo 9 de maio, abrirá unha situación nova en Galicia. Así o anunciou o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que detallou as novas medidas que entrarán en vigor.
Non haberá toque de queda e levántase o peche perimetral da comunidade. É dicir, non haberá límites á mobilidade en Galicia. Calquera cidadán poderá entrar ou saír do territorio galego sen restrición algunha. Iso si con excepción: os municipios en risco extremo.
Aqueles concellos que teñan unha incidencia a 14 días superior a 500 ou unha incidencia a 7 días a 250, automaticamente quedarán pechados. Ademais, haberá toque de queda ás 23:00 horas. Iso si, esta decisión terá que ratificala o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Actualmente estarían afectados cinco municipios galegos, entre eles Cambados e Vilanova.
Esta apertura á mobilidade, segundo Núñez Feijóo, é o que máis preocupa ás autoridades sanitarias ante a posible chegada de viaxeiros de zonas de alta incidencia.
Para eles será obrigatorio anotarse no rexistro de viaxeiros. Serán chamados para un cribado, salvo que acrediten estar vacinados, ter anticorpos por superar a enfermidade ou traer unha PCR negativa. Haberá puntos de cribado nos tres aeroportos.
A incidencia da pandemia, que leva 14 días por baixo dos 100 casos por cada 100.000 habitantes, permitirá ademais continuar a desescalada.
Así, todo o comercio retomará os seus horarios habituais e tamén se ampliarán os permisos para a actividade da hostalería. Os bares poderán abrir a partir de agora ata as once da noite, mentres que os restaurantes poderán facelo ata a unha da madrugada.
As limitacións de aforo serán as mesmas. Só poderán reunirse catro persoas no interior dos establecementos e seis persoas nas terrazas. A maiores, Galicia prohibirá a reunión de non conviventes en domicilios entre as 01:00 horas e as 06:00 horas.
Esta última decisión, que necesitará tamén aval xudicial, adóptase para que os cidadáns "non substitúan a hostalería profesional pola hostalería doméstica".
A pesar deste paso cara á normalidade, Núñez Feijóo lembrou que o "exercicio de responsabilidade" social non terminou porque "só acaba o estado de alarma pero non remata a pandemia" e entendelo doutra maneira "sería un gravísimo erro".
"Estamos a dar pasos que todos desexábamos e temos que conseguir que se queden e non vaiamos para atrás", sinalou o presidente galego, que lembrou que a partir do 9 de maio "afrontamos o mesmo risco que antes pero con peores instrumentos para xestionala".
A este respecto, Feijóo censurou que o Goberno central non quixese lexislar para manter un maior control sobre a xestión da pandemia, o que abre " moitas incertezas" ao situar aos xuíces ante unha situación "complicadísima" ao actuar como epidemiólogos.