Dentro da desescalada anunciada por Pedro Sánchez, moitos desexaban saber que pasaría cos colexios. Pois ben, o Goberno decidiu que a actividade lectiva nos centros educativos non se retome ata o próximo mes de setembro.
Non haberá clases presenciais, por tanto, ata o próximo curso escolar. Os centros escolares poderán abrir, segundo explicou Sánchez, tan só "como excepción".
Sería, en todo caso, a partir da fase dúas desta desescalada, que se prevé que poida comezar a partir do luns 25 de maio.
Neses supostos, o Goberno incluíu a realización de actividades de reforzo ou que os nenos e nenas menores de 6 anos poidan asistir aos colexios se os seus pais traballan e non teñen con quen deixalos.
Ademais, tamén haberá actividade nos colexios, institutos e facultades universitarias para preparar a celebración das probas de selectividade.