Sánchez sitúa a "nova normalidade" a finais de xuño tras unha desescalada en catro fases
![Alejandro](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/dee/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/5624216432-20150128-patxot-alex-espino-002.jpg)
Por Alejandro Espiño
En catro fases. Así prevé o Goberno realizar a desescalada do confinamento. Pedro Sánchez detallou como será este proceso cara á "nova normalidade", que situou a finais de xuño. Ata entón, irase retomando a actividade económica por sectores.
Sánchez avanzou que, tal e como anunciara hai uns días, a partir do sábado 2 de maio autorizarase a actividade deportiva ao aire libre, sempre de maneira individual, e o paseo coas persoas coas que se conviva, incluídos os maiores de 65 anos.
A fase cero, que o presidente definiu como a "preparación da desescalada", comezará o luns 4 de maio. Haberá "pequenos resquicios" para a actividade económica. Abrirán locais e establecementos con cita previa para atender a clientes de maneira individual.
Ademais, os restaurantes poderán servir comida ás persoas que vaian recollela e permitiranse os adestramentos individuais dos deportistas. Ao mesmo tempo, iranse preparando e sinalizando os establecementos para as etapas poosteriores.
Pedro Sánchez explicou que, salvo esta fase inicial, as demais terán unha duración "mínima" de dúas semanas, o tempo de incubación do virus.
Así, coa fase uno, que se prevé iniciar o 11 de maio, reabrirá o pequeno comercio, os bares que teñan terraza -nos que se limita o aforo ao 30% da súa capacidade- ou os hoteis, salvo as zonas comúns.
Os lugares de culto tamén terán o aforo limitado a un terzo e poderán retomar a súa actividade os centros deportivos de alto rendemento. Tamén se autorizará o regreso das tarefas pesqueiras e agrícolas.
Quince días despois, o 25 de maio, arrancará a fase dúas coa apertura dos espazos interiores dos bares, os cinemas e teatros -con aforo limitado a un terzo e con asento prefijado- e autorizaranse as visitas a monumentos e salas de exposicións.
Os espectáculos culturais baixo teito estarán reservados a un máximo de 50 persoas e os que se organicen ao aire libre poderán reunir a 400 persoas, pero todos sentados.
A fase tres, a partir do 8 de xuño, suavizaranse todas as restricións de aforo, o comercio estará limitado ao 50% da súa capacidade e con distancias de seguridade e flexibilizarase a mobilidade de maneira xeral.
Con respecto aos colexios, Pedro Sánchez avanzou que o curso escolar xa non se retomará ata setembro. Os centros escolares poderán abrir, tan só, para realizar actividades de reforzo, para nenos menores de 6 anos se os seus pais traballan e para celebrar a selectividade.
O presidente do Goberno explicou que non todas as rexións avanzarán á "mesma velocidade" pero si deberán cumprir as "mesmas regras". Esta desescalada "asimétrica pero coordinada" farase por provincias, en colaboración coas autonomías.