Non haberá aumento nos impostos e taxas de Pontevedra por sétimo ano consecutivo

Pontevedra
14 de outubro 2020

Os cinco impostos e a vintena de taxas que cobra o Concello, por tanto, permanecerán "inalterados". Non se repercutirá tampouco no seu custo o IPC correspondente. "Non se vai a tocar absolutamente ningunha", engadiu o concelleiro nacionalista, que defendeu que con esta decisión Pontevedra manterase, segundo datos do Ministerio de Facenda, entre as capitais españolas cunha menor presión fiscal

Raimundo González, edil de Facenda en Pontevedra Mónica Patxot

O goberno municipal de Pontevedra tomou a súa primeira decisión de calado para a elaboración dos seus orzamentos para 2021. Do mesmo xeito que os seis anos anteriores, o Concello decidiu conxelar todos os impostos e taxas que dependen da administración local.

Así o avanzou este mércores o edil de Facenda, Raimundo González. Os cinco impostos e a vintena de taxas que cobra o Concello, por tanto, permanecerán "inalterados". Non se repercutirá tampouco no seu custo o IPC correspondente.

"Non se vai a tocar absolutamente ningunha", engadiu o concelleiro nacionalista, que defendeu que con esta decisión Pontevedra manterase, segundo datos do Ministerio de Facenda, entre as capitais españolas cunha menor presión fiscal.

O incremento que o goberno prevé nos seus ingresos por estes conceptos, segundo o responsable das contas municipais, chegará pola vía da actualización dos censos ou polas inspeccións para detectar casos de fraude.

A este respecto, avanzou que o Concello inspeccionará en 2021 a taxa de ocupación que se lle cobra ás grandes compañías de gas, electricidade ou telefonía polo uso da vía pública, que reporta anualmente uns 300.000 euros ás arcas municipais.

Para a elaboración do novo orzamento, explicou Raimundo González, o Concello estase atopado con dous "problemas maiúsculos".

Por unha banda, o Estado aínda non informou do diñeiro que remitirá aos concellos en 2021 e que, no caso de Pontevedra, sitúase na actualidade nuns 20 millóns de euros. Sen esa previsión, recoñece o edil, é "difícil" avanzar no deseño das contas.

"Agardamos sabelo todo antes de que remate este mes", subliñou González, do mesmo xeito que se, como nos últimos tres anos, o executivo central acordará aumentar o salario dos funcionarios públicos, o que tamén impactaría nas contas para 2021. 

Sexa como sexa, o Concello descarta prorrogar os orzamentos de 2020. "Son firmemente partidario de facer un orzamento novo", insistiu o responsable de Facenda, xa que pola contra non podería haber investimentos novas que axuden a dinamizar a economía local.

Raimundo González entende que "con máis razón" nas circunstancias actuais é "fundamental" aprobar un novo orzamento. De non ser así, concluíu, "non é que vaiamos ao abismo, pero iremos jodidillos".