Noiteboa negra en Cerdedo: dous mortos e tres desaparecidos tras caer un autobús ao Lérez

Cerdedo-Cotobade
25 de decembro 2022
Actualizado: 1:18

O accidente produciuse no quilómetro 67,5 da estrada N-541. O autobús, no que viaxaban sete persoas, saíu da vía e precipitouse ao río. Puideron ser rescatadas dúas persoas, o condutor e unha das pasaxeiras. Outras dúas faleceron. Os equipos de emerxencia buscan os outros tres viaxeiros que ían nel

Tarefas de rescate dos pasaxeiros do autobús accidentado en Cerdedo PontevedraViva

Tráxico suceso en Cerdedo-Cotobade. Dúas persoas morreron e tres continúan desaparecidas tras caer ao río Lérez o autobús no que viaxaban, á altura de Pedre.

O accidente produciuse sobre as 21:20 horas deste sábado no quilómetro 67,5 da estrada N-541. O autobús, no que viaxaban sete persoas, saíu da vía e precipitouse ao río. O vehículo, da compañía Monbús, cubría a liña Lugo-Vigo.

Nada máis saber do accidente, os servizos de emerxencia activaron un amplo dispositivo de rescate para auxiliar aos pasaxeiros do autobús. Puideron ser rescatadas dúas persoas, o condutor e unha das mulleres que ía como pasaxeira. Outros dous viaxeros faleceron. Os seus corpos apareceron catro horas despois do sinistro.

Os equipos buscan ás outras tres persoas que, segundo a cifra que facilitou o condutor á Garda Civil, viaxaban no vehículo e que estarían desaparecidas.

Traballan no punto os bombeiros de Ribadumia, descolgados desde unha ponte con cordas e arneses de seguridade, xunto a bombeiros de Pontevedra e O Deza, axentes da Garda Civil, o Grupo de Emerxencias Supramunicipal da Estrada, Protección Civil de Cerdedo-Cotobade e ambulancias do 061.

Ata o lugar desprazouse o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, que segue ao pé da ponte as tarefas de rescate. "Todo é moi dantesco", lamentou o rexedor.

E é que o traballo dos servizos de emerxencia está a ser "moi complicado", subliñou Cubela, debido á incesante choiva que cae sobre a zona e o alto nivel do caudal do Lérez, río que desde este sábado está en alerta por risco de desbordamento.

"O río vai en plena crecida o que está a dificultar que se poida chegar ata o punto no que está o autobús", engadiu o alcalde.

Arquivado en