Noite en vela por culpa dos incendios

Pontevedra
09 de agosto 2016
Actualizado: 12:45

Centos de veciños pasaron a noite en vela pola proximidade do lume ás súas casas, sendo en moitos casos desaloxados. Ademais dos grandes incendios de Cotobade e Caldas, aínda activos, durante a madrugada rexistráronse novos pequenos focos noutros lugares, como na parroquia pontevedresa de Xeve. A Xunta mantén o nivel 2 de alerta en Cotobade pero desactivouno en Caldas ás 12:00 horas tras estabilizar o incendio

Tarefas de extinción do incendio de Tenorio no límite con Pontevedra Diego Torrado

Longa noite de preocupación para os veciños da comarca por culpa dos incendios forestais que lles manteñen en albas.

Aos grandes lumes declarados en Cotobade e no Monte Xiabre, aínda activos e que obrigaron a desaloxar vivendas e a moitos veciños a pasar a noite en lugares habilitados, como o pavillón de Tenorio, uníronse durante a noite novos focos.

Os Bombeiros de Pontevedra, que acudiron a última hora do luns para reforzar o operativo do incendio de Tenorio, ao chegar o lume á zona de Bora, tiveron que atender de madrugada dúas novas alertas.

A primeira delas, ás 0:00 horas da madrugada, na Avenida de Bos Aires, en Pontevedra, e a segunda e máis grave en Xeve, onde controlaron un novo incendio forestal declarado ao redor das 0:45 horas nun lugar próximo a vivendas. Tras controlalo os efectivos de emerxencia retiráronse do lugar ás 3:15 horas da madrugada deste martes.

Aínda que se investigan as causas desta vaga de incendios, todo apunta a que unha vez máis se trata de lumes provocados, xa que no caso de Tenorio fontes próximas aos servizos de extinción aseguran que se produciron ata sete focos simultáneos.

Vivíronse momentos de tanta tensión que mesmo Cruz Vermella activou o seu Equipo de Resposta Inmediata en Emerxencias para equipar o albergue improvisado para os veciños que debían pasar a noite fóra da súa casa e prestarlles apoio psicolóxico.

A XUNTA MANTÉN O NIVEL 2 DE ALERTA

A primeira actualización de datos da Xunta de Galicia este martes (9:00 horas) mantiña o nivel 2 de alerta nos incendios de Caldas de Reis e Cotobade, cunhas estimacións de 400 hectáreas de superficie afectada, 200 en cada un, aínda que se teme que esta cifra poida aumentar considerablemente nas próximas horas.

No caso de Caldas a alerta "por proximidade do lume ao lugar de Castro Agudín" desactivouse ao redor das 12:00 horas despois de conseguir estabilizar o incendio. Na súa extinción traballan a tal hora 3 técnicos, 9 axentes, 23 brigadas, 11 motobombas, 2 pas, 1 tractor, 10 helicópteros e 2 avións.

Pola súa banda en Tenorio a situación de emerxencia segue activa por proximidade ao núcleo de Vilanova. No seu control empréganse a fondo 14 axentes, 21 brigadas, 9 motobombas, 6 pas e 12 helicópteros. Tamén colabora a Unidade Militar de Emerxencias (UME) con 192 efectivos despregados na zona.