Noite de traballo en Ponte Sampaio para extinguir o incendio na zona da Pontesa

Pontevedra
07 de novembro 2022

A desta noite foi unha madrugada en vela en Ponte Sampaio. Aínda que o incendio na nave anexa á antiga fábrica de cerámica de Pontesa quedou controlado sobre as dez da noite, os traballos de extinción continuaron durante horas

Incendio na zona da antiga fábrica de Pontesa, en Ponte Sampaio Cristina Saiz

A desta noite foi unha madrugada en vela en Ponte Sampaio. Aínda que o incendio na nave anexa á antiga fábrica de cerámica de Pontesa quedou controlado sobre as dez da noite, os traballos de extinción continuaron durante horas.

As tarefas dos bombeiros de Pontevedra, que estiveron auxiliados por efectivos dos parques comarcais de Bueu e Ribadumia, centráronse en atallar os tres focos que seguían ardendo tras controlar o lume, segundo explicou a edil de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde.

"Foi unha noite longa para os servizos de emerxencia xa que os labores de extinción foron moi laboriosos", afirmou a concelleira pontevedresa. 

Non houbo xa máis risco de propagación do incendio, engadiu Vilaverde, pero os traballos dos equipos de emerxencias tiveron que "sectorizar" a zona para acabar cos rescoldos que aínda quedaban e arrefriar toda a área afectada polo lume, evitando que este reavivase.

Con respecto ao lume, a maior complexidade foi atallalo ante a gran cantidade de cereal que se acumulara no interior da nave, "con todas as dificultades que iso conleva para apagar un lume", sinalou a responsable municipal de seguridade.

Este cereal é un produto que, por acumulación de gases e po, pode combustionar con certa facilidade e iso foi o que produciu a explosión que se rexistrou, que fixo que o incendio que xa fora controlado adquira un carácter de gravidade, ao saltar á cuberta da nave.

A circulación pola N-550 quedou restablecida xa sobre as sete da tarde despois de manterse cortada máis dunha hora debido ao incendio.

Unha das principais preocupacións dos bombeiros era a uralita que había na cuberta das naves afectadas, ao temer que o lume puidese chegar a ela e "saltar" cara á zona de circulación entre Ponte Sampaio e Arcade.

No incendio resultaron feridas tres persoas, dous operarios da empresa Grupo Nogar, a inquilina desta nave de almacenaxe de sementes, e un bombeiro que participaba nos traballos de extinción. Dous deles, un dos operarios e o bombeiro, sufriron feridas leves.

O máis grave é o segundo traballador da empresa, un home de 59 anos que, tras ser trasladado ao Hospital Montecelo, tivo que ser derivado á unidade de queimados do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, ante a gravidade das súas queimaduras.

Arquivado en