No primeiro trimestre de 2024 déronse de alta 20 mulleres no CIM de Sanxenxo

Sanxenxo
20 de abril 2024

Este venres celebrábase a XXV Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero de Sanxenxo para analizar as estatísticas do primeiro trimestre deste ano. Actualmente o Centro de Información á Muller traballa con 79 mulleres, das que 56 teñen menores de idade ao seu cargo

Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero de Sanxenxo Concello de Sanxenxo

Este venres desenvolvíase a XXV Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero en Sanxenxo. Durante o encontro analizábanse as estatísticas do primeiro trimestre do ano no Centro de Información á Muller (CIM).

Os resultados mostran que desde a celebración da anterior Mesa, o 14 de decembro, se deron 20 novas altas de mulleres, 19 son veciñas de Sanxenxo. Alcánzanse así as 76 mulleres atendidas.

Paz Lago, concelleira responsable do servizo, sinalaba que se realizaron 48 consultas xurídicas durante este período e 91 consultas psicolóxicas. 

O servizo de atención telefónica para vítimas de violencia de xénero rexistrou catro novas altas en Atenpro (Servizo Telefónico de Atención e Protección para vítimas de violencia contra as mulleres), elevando a cifra total a 27.

A concelleira sinalou tamén que, na actualidade, realízase un programa de atención psicolóxica con sete menores de idade con orde de protección vixente da nai.

"O CIM traballa con 79 mulleres durante todo o ano, das que 56 teñen menores de idade ao seu cargo", manifestou Lago

Para os próximos meses, o CIM traballa en formar e informar á mocidade con actividades en centros educativos. Centrarase tamén na detección de violencia de xénero especialmente no rural coa posta en marcha de coloquios informativos interactivos.

Desde o goberno local entenden que nestes encontros a través de asociacións de mulleres poden chegar a detectarse distintas manifestacións de violencia.

O alcalde, Telmo Martín, presidiu a Mesa acompañado da concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago e o edil de Seguridade Cidadá, Xoán Pérez. Tamén asistiu a xuíza decana de Cambados e titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 4 de Cambados, Luz María Fernández de Landa; ademais dos representantes da Policía Local, Garda Civil, Equipo de Muller e Menor, Viogén, do PAC de Baltar e do CIM de Sanxenxo.