O comité clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia provocada pola covid-19 mantivo un encontro na tarde deste martes 6 de abril e decidía acordar o nivel máximo de restricións para o Concello do Grove e tamén para Pobra do Caramiñal.
O incremento nas últimas xornadas dos casos positivos no municipio grovense facían presaxiar esta decisión. O alcalde José Antonio Cacabelos xa afirmaba durante a Semana Santa a súa preocupación polos novos contagios que, segundo entendía, estaban a producirse no ámbito familiar. As cifras de contaxios - 36 positivos rexistráronse na xornada do luns - preocupan na Consellería de Sanidade e por iso decidiuse adoptar esta decisión de nivel máximo de restricións.
Este nivel supón o peche perimetral do municipio,as reunións estarán limitadas a conviventes tanto en espazos públicos como privados e, ademais, supoñerá o peche total dos establecementos de hostalería, salvo para realizar servizos a domicilio e para que os clientes leven comidas ou bebidas ás súas vivendas.
A asemblea de expertos tamén decidía establecer un nivel alto de restricións en seis concellos galegos, un deles é A Illa de Arousa, ademais de Pobra do Brollón, Rábade, O Irixo, Monterrei e Carral.
A situación, pola contra, mellorou en municipios que pasaron a Semana Santa en nivel alto de restricións e que agora pasan ao nivel medio. É o caso dos concellos turísticos de Sanxenxo e Baiona. Tamén Meis, Moaña, Cangas, Gondomar, Boimorto, O Carballiño, Padrenda, Cortegada e Beade atópanse agora neste nivel.
No resto dos concellos de Galicia manteranse as restricións fixadas actualmente cun nivel medio baixo.
Os cambios nas medidas entrarán en vigor a partir das 00.00 horas do próximo venres 9 de abril. Este mércores o conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña explicase as medidas adoptadas con detalle.