250 casos por cada 100.000 habitantes. É o limiar que, hai apenas un mes, marcaban as autoridades sanitarias para considerar que unha rexión estaba en risco extremo pola covid-19. Pero a terceira onda da pandemia fixo saltar todo polo aire.
Ningún dos municipios da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés está por baixo desa cifra, segundo os datos oficiais do Servizo Galego de Saúde. Polo menos cinco deles, Poio, Soutomaior, A Lama, Moraña e Sanxenxo, cuadriplican mesmo ese nivel de incidencia.
Entre eles o único que se estabilizou e rexistra este domingo certa tendencia á baixa é Poio. Aínda que a súa incidencia a 14 días segue por encima dos 2.300 casos, ten 415 contaxiados, seis menos que o día anterior.
En Sanxenxo, os casos activos seguen aumentando. Xa son 195, é dicir sete máis nas últimas 24 horas. Tamén crecen en Soutomaior, con 133 (seis máis); e A Lama, con 35 (un máis). Pola contra, Moraña ten dous infectados menos que onte, ata un total de 51.
Ponte Caldelas achégase a este nivel de incidencia, con máis de 900 casos por cada 100.000 habitantes. A pesar diso, ten 47 casos activos (dous menos). En Meis, os contaxiados son 40 (catro menos). Vilaboa súmase a eles, ao superar os 750 de incidencia.
Pontevedra, mentres tanto, non logra conter o aumento dos contaxios. Este domingo ten 560 casos activos, que son dez máis que onte. A súa incidencia acumulada pasa xa os 630.
Outros seis municipios sitúanse nun nivel similar á capital. Trátase, por esta orde, de Cuntis, con 32 casos (catro menos); Caldas de Reis; Portas, con 19 (un menos); Barro, con 24 (un máis); Ribadumia, con 27 (catro máis); e Vilanova de Arousa, con 53 (un máis).
Marín, que suma seis novos contaxiados ata un total de 123; aproxímase a unha incidencia a 14 días superior a 500. Tamén están preto Meaño, con 25 casos activos (un máis); ou Cambados, que ten 61 (catro máis).
Campo Lameiro tamén rexistra un aumento dos positivos e sobe a 10 (un máis); do mesmo xeito que Bueu, con 43 casos activos (dous máis); A Illa de Arousa, con 25 (tres máis); ou Cerdedo-Cotobade, con 18 (dous máis).
No outro lado da balanza, polo menos este domingo, sitúase Vilagarcía de Arousa, que logra reducir os seus casos activos en sete e suma 167 contaxiados; e O Grove, que cunha incidencia de 266 casos por cada 100.000 habitantes, é o que ten mellores datos en área sanitaria.
A incidencia acumulada a 14 días de cada municipio, a partir dos datos proporcionados polo Servizo Galego de Saúde, pódese consultar no mapa que acompaña a esta información.