"Nin somos falsas feministas nin consentimos acusacións de verdadeiros machistas"

Pontevedra
28 de agosto 2023

O feminismo pontevedrés saíu á rúa este luns para berrar ante a agresión machista á deportista Jenni Hermoso por parte de Luis Rubiales e sacar a tarxeta vermella ao machismo. Manifestáronse "por todas as deportistas, do mundo do fútbol e outros deportes, que seguen a soportar acoso, indiferenza e menosprezo tamén dentro das súas disciplinas"

Concentración feminista de apoio a Jenni Hermoso na Peregrina Mónica Patxot

O feminismo pontevedrés volveu a saír á rúa este luns para mostrar o seu apoio á futbolista Jenni Hermoso tras o bico sen consentimento do presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luís Rubiales, e sacar a tarxeta vermella ao machismo. Para iso, non faltaron os chifres.

Ás oito da tarde, de forma simultánea con outras localidades de toda Galicia, convocouse unha concentración coa que quixeron "berrar ante a agresión machista á deportista" e tamén "por todas as deportistas, do mundo do fútbol e outros deportes que seguen a soportar acoso, indiferenza e menosprezo tamén dentro das súas disciplinas"

O mesmo día que a Fiscalía da Audiencia Nacional decidiu abrir dilixencias de investigación preprocesal contra Rubiales, persoas feministas quixeron dar unha mostra de unidade e comparecer "unidas para mirar de fronte a unha realidade que as mulleres vivimos na sociedade, no mundo do deporte en xeral e do fútbol en particular".

Durante a concentración, celebrada na praza da Peregrina, representantes do Colectivo Feminista de Pontevedra e da Asociación de Mulleres de Vilaboa leron un manifesto no que quixeron deixar claro que "nin somos falsas feministas nin consentimos acusacións de verdadeiros machistas", en referencia á asemblea da pasada semana da RFEF na que Rubiales acusou ás persoas que critican o seu xesto con Jenni Hermoso de "falsas feministas". 

A concentración reuniu na Peregrina a representantes políticos de BNG e PSOE como as concelleiras Anabel Gulías, Carmen Fouces, Paloma Castro ou Manuel Fariña; a senadora Marica Adrio; e o ex alcalde de Poio, Nito Sobral.

O manifesto sinala que todo o sucedido en relación con Jenni Hermoso "reflicte a violencia patriarcal que tamén vivimos nas oficinas, nas fábricas ou nas propias casas", pero nese caso tivo unha circunstancia agravante, que foi o discurso público de Rubiales, onde "o agresor se victimiza, nega feitos gravados e ataca ás feministas, á agredida e, por tanto, a todas as mulleres".

Para estes dous colectivos feministas, ese discurso foi "un escándalo que temos que respostar con contundencia". 

Piden transformacións radicais no mundo do fútbol, no deporte en xeral e en todos os ámbitos e lembran que as súas reivindicacións están apoiadas por "cifras impactantes e datos irrefutables". Así, a nivel galego, lembran que o estudo Elas+Futbol do ano 2021 recolleu que un 82% das enquisadas sufriron o machismo na súa contorna futbolística e un 15% foron vítimas de acoso sexual.

Non esqueceron o silencio cómplice dalgúns homes deportistas e instaron aos clubs e á Federación Galega de Fútbol a "pronunciarse e actuar de maneira inmediata".

Así, tamén criticaron ao presidente da Federación Galega, Rafael Louzán, que apoiou o presidente da RFEF. "Nin Rubiales nin Louzán queren afrontar a transformación do deporte que esiximos", sinalan, para engadir que estarán na loita mentres o deporte estea en mans de "individuos como eles, que aplauden, festexan e apoian publicamente as agresións que recibimos as mulleres".