Neste ano a fibra óptica chegará ao 90% das vivendas de Barro

Barro
08 de xullo 2020

As obras de implantación de fibra óptica en todas as parroquias de Barro remataranse nos próximos meses, segundo ven de comunicar o Concello

Instalación de cableado nun poste PontevedraViva

As obras de implantación de fibra óptica en todas as parroquias de Barro remataranse nos próximos meses, segundo ven de comunicar o Concello.

Segundo as previsións que manexa a administración local, neste ano 2020 arredor do 90% das vivendas de Barro terán acceso a internet a través dunha conexión de fibra óptica, sendo desta maneira un dos concellos rurais que primeiro vai acadar esta cobertura de banda ancha da provincia, adiantándose desta maneira 2 anos nas previsión de chegar con este servizo a todo o territorio.

Fai dous anos que empezou o despregue da fibra por parte da empresa Telefónica co financiamento do Ministerio de Economía e Empresa, dentro do Programa de Extensión de Banda Ancha de nova xeración do Goberno central e neste momento moitas das vivendas do concello xa puideron contratar este servizo, que tamén chegou aos dous polígonos industriais despois das xestións realizadas polo alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes para que, ademais do polígono que está situado en Curro, tamén se lle dera conexión ao polígono de Sequeiros.

Nos próximos meses rematarán as obras para chegar coa liña de fibra aos lugares que aínda están pendentes, desta maneira desaparecerá do concello a convencional liña de cobre pola que se recibía o servizo telefónico ata o de agora para pasar a ter o servizo de banda ancha.

O alcalde está en xestións para conseguir que os pequenos lugares do concello que teñen o servizo telefónico a través dun sistema inalámbrico e aos que nunca chegou unha liña convencional chegue o antes posible tamén a banda ancha para que esas vivendas tamén poidan dispor dun servizo da mellor calidade posible.