Nécoras e polbos volven esta semana ao mercado

Bueu
02 de xullo 2017

A partir deste domingo 2 de xullo ábrese a campaña de extracción de nécora e o luns será a quenda do polbo. Os mercados esperan con ansia as primeiras capturas ante a gran demanda que teñen estas especies, especialmente entre os turistas, polo que se alcanzan bos prezos

Nécoras Juan Mejuto

A partir deste domingo 2 de xullo ábrese a campaña de extracción de nécora e o luns será a quenda do polbo.

Os mercados esperan con ansia as primeiras capturas ante a gran demanda que teñen estas especies, especialmente entre os turistas, polo que se alcanzan bos prezos.

No caso das nécoras, este domingo largaranse os aparellos. A súa captura permanecerá autorizada ata o próximo 30 de decembro. Como novidade este ano a Consellería do Mar desenvolve nun plan experimental para a xestión desta especie e do camarón coa arte da nasa de nécora e camarón cun número de nasas permitido segundo o tamaño da embarcación e o número de tripulantes enrolados e a bordo.

Na ría de Pontevedra son 231 as embarcacións autorizadas para o emprego de nasa de nécora e camarón, situándose algo máis dun milleiro delas na ría de Arousa.

A captura do polbo vai ter lugar desde o luns ata o 30 de agosto.

A cota máxima de capturas será de trinta quilos por barco e día, con trinta quilos máis por tripulante enrolado a bordo e en cada xornada de faena, ata completar unha cota máxima de 210 quilogramos diarios. En agosto o tope será de cincuenta quilos por barco e día, máis cincuenta quilos diarios por tripulante a bordo, ata lograr un máximo de 350 quilos en cada día de faena.

Segundo o rexistro de buques pesqueiros de Galicia na ría de Pontevedra hai 171 embarcacións con permiso para o emprego de nasa do polbo, e na ría de Arousa son 236.