Nas festas de Poio empregaránse vasos reutilizables

Poio
07 de maio 2024

Repartiranse máis de 6.000 vasos entre as comisións e asociacións que organicen eventos lúdicos ao longo do ano. Explican que queren dar pasos importantes para diminuír o uso de plásticos, e as festas é unha forma non só de reducir e reutilizar, senón tamén de espertar conciencia

Os concelleiros de Medio Ambiente e de Festexos, Manuel Domínguez e Fran da Silva Concello de Poio

O Concello de Poio pon en marcha unha campaña para sensibilizar sobre os residuos plásticos e fomentar o uso de vasos reutilizables durante as festas.

Segundo explican os concelleiros de Medio Ambiente e de Festexos, Manuel Domínguez e Fran da Silva, repartiranse máis de 6.000 vasos entre as comisións e asociacións que organicen eventos lúdicos con venda de bebidas ao longo do ano, para deste xeito eliminar os vasos de un só uso e substituílos por estes novos con maior durabilidade.

"Comprobamos non hai moitos meses os danos que producen os plásticos nas nosas costas e na nosa natureza, chegamos a retirar nunha soa mañá máis de dúas toneladas de residuos, e por iso desde o Goberno queremos dar pasos importantes para diminuír o uso de plásticos, e as festas é unha forma non só de reducir e reutilizar, senón tamén de espertar conciencia", explica Domínguez.

Os vasos incorporan unha mensaxe clara: reduce, reutiliza e recicla. "Os veciños teñen dúas opcións, devolver o vaso e recuperar o depósito que na barra deixaron por el ou conservalo e reutilizalo no resto de festas que se organizan ao longo do ano", explica Fran da Silva.

En calquera dos dous casos, sinala, o obxectivo é o mesmo: "facernos reflexionar sobre o modo de vida que temos e evitar acumular e encher as rúas de plásticos. Non sempre se é responsable cando se tiran os residuos durante as celebracións. No momento de recoller sempre hai plásticos fóra do contedor amarelo e mesmo esparcidos polo chan. Co vaso reutilizable conseguiremos reducir dun xeito importante o consumo de plásticos".

Deste xeito, a primeira festa na que se utilizarán estes vasos reutilizables son as da Virxe de Fátima, que se celebra entre o 16 e 19 de maio en Campelo.