Namórate de Ti regresa para empoderar á muller a través da fotografía

Pontevedra
20 de outubro 2020

O taller de posado fotográfico impulsado pola concellería de Igualdade celébrase os días 3, 5, 9 e 11 de novembro na Casa Azul cunha participación máxima de oito mulleres

A concellería de Igualdade presenta a segunda edición do taller fotográfico Namórate de Ti Mónica Patxot

A concellería de Igualdade do Concello de Pontevedra programa a segunda edición de Namórate de Ti. É un taller de posado fotográfico pensado para mulleres vítimas de violencia de xénero, en situación de desemprego ou en risco de exclusión social que ten como obxectivo fomentar a súa autoestima e empoderamento.

"É unha experiencia fortalecedora, un punto de inflexión", asegura unha das participantes da primeira edición á que este obradoiro axudoulle a superar experiencias traumáticas.

O evento celebrarase nun espazo da Casa Azul os días 3, 5, 9 e 11 de novembro de 10 a 13 horas. "Faise moi curto", comparten organizadoras e participantes. Para inscribirse, as interesadas poden facelo xa poñéndose en contacto co CIM (Centro de Información á Muller) do Concello de Pontevedra a través de teléfono ou correo electrónico.

Pola extraordinaria situación sanitaria, só poderán participar oito persoas, en lugar das 15 da pasada edición, e as prazas asignaranse por orde de inscrición.

O proxecto inclúe unha serie de dinámicas de grupo para gañar confianza e superar o medo, timidez ou vergoña inicial. Estes traballos consisten en sesións de escritura, danza ou expresión corporal. Nun ambiente cálido, cómodo e sen lugar para xuízos, levan a cabo as sesións fotográficas, logo cada participante recibirá un book coas súas imaxes.

De todas elas elixirá unha para formar parte da exposición que terá lugar ao finalizar o taller en escaparates do centro urbano pontevedrés. Cada unha das fotografías irá acompañada dunha descrición, un texto no que as protagonistas explican que sentiron ou o que significou para elas este proxecto.

Outro dos beneficios que destacan tanto desde a organización como as propias usuarias é o grupo humano que se forma despois destas catro sesións. "Créase un vínculo entre todas as mulleres", di a Patricia Maquieira, a encargada da sección artística do programa.

"Son poucos días, pero temos un grupo, estamos en contacto e quedamos. É como a familia que se escolle", remata Arancha, unha das participantes da primeira edición que está desexosa de volver inscribirse aínda que non o fará para deixar sitio para que outras mulleres poidan vivir a experiencia que cambiou a súa vida.