O teléfono de apoio psicolóxico ás familias habilitado pola concellería de Benestar Social de Pontevedra durante a crise sanitaria do coronavirus está a ter unha alta demanda de asistencia e sacou a relucir que un dos colectivos que peor están levando o confinamento son os adolescentes.
Así, a meirande parte das demandas realizadas proceden de nais que solicitaban apoio emocional e atención psicolóxica para os seus fillos nesa idade por dificultades para facerlle fronte ao confinamento.
O teléfono está xestionado a través da Fundación Meniños e, para atendelo, púxose en marcha un equipo conformado por un psicólogo, unha educadora social e unha traballadora social. O equipo mantén un seguimento semanal dos mozos "para apoialos emocionalmente e ofrecerlles ferramentas útiles para afrontar este encerro".
En relación con esta atención, a concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, explica que os adolescentes están a sufrir especialmente co confinamento porque para eles "ter vida social e saír cos amigos resulta esencial".
O equipo atendeu chamadas todos días dende a súa posta en funcionamento, o pasado 29 de marzo. En concreto, houbo 25 chamadas e videochamadas e a maioría foron ou para pedir axuda para adolescentes ou relacionadas con persoas maiores que se atopan soas e que precisan de respaldo psicolóxico.
Segundo explicou Paloma Castro, as chamadas foron realizadas por familiares que están confinados fóra de Galicia e que "amosaban preocupación pola situación dos seus pais e nais." Tamén nestes casos se está a levar a cabo un seguimento continuo con esas persoas para ofrecerlles apoio e atender as posibles necesidades que poidan xurdir.
As restantes solicitudes rexistradas estiveron relacionadas con peticións de información sobre cuestións como mobilidade (desprazamentos), axudas sociais, recursos educativos ou situación laboral.
O teléfono 678 75 49 33 está activo de luns a domingo en horario de 10.00 a 14.00 horas. Continuará activo durante o confinamento para todas aquelas persoas empadroadas no Concello de Pontevedra que o precisen.