Nadal de escape room e vídeomapping no Castelo de Soutomaior

Soutomaior
18 de decembro 2024
Actualizado: 12:03

Un xogo de escape room ambientado nas Revoltas Irmandiñas e un espectacular videomapping na Torre da Homenaxe son as principais novidades dentro do programa previsto para os vindeiros días neste espazo

Castelo de Soutomaior

Un xogo de escape room ambientado nas Revoltas Irmandiñas e un espectacular videomapping na Torre da Homenaxe son as principais novidades da programación nadal do Castelo de Soutomaior.

O xogo de escape, que comeza o 26 de decembro, transportará aos participantes ao século XV, xusto no momento do asalto ao castelo durante as Revoltas Irmandiñas.

Os equipos terán 60 minutos para resolver enigmas e explorar os recunchos máis misteriosos da fortaleza medieval.

As entradas, a un prezo de 8 euros, estarán dispoñibles desde o xoves 19 de decembro na web do Castelo.

Os pases serán ás 11:00, 12:00, 16:00, 17:00 e 18:00 horas durante os días 26 e 27 de decembro, e 2, 3, 4, 11 e 12 de xaneiro.

Ademais, a partir do 21 de decembro, a Torre da Homenaxe converterase nunha pantalla xigante cun espectáculo gratuíto de videomapping.

As proxeccións realizaranse diariamente, agás o 24, 25 e 31 de decembro e o 1 de xaneiro, entre as 19:00 e as 20:30 horas, con pases cada media hora.

Estas actividades súmanse á oferta do castelo para estas festas, que inclúe tamén visitas teatralizadas ata o 29 de decembro e contacontos para os máis pequenos.