O Nadal chegará este ano a Barro cunha completa programación pensada para todos os públicos, aínda que cun marcado protagonismo dos máis pequenos da casa.
O alcalde de Barro, Fernández Abraldes, e o concelleiro de Cultura, Adrián Silva Magdalena, presentaron a programación este xoves e destacaron a "oferta variada de actividades".
Trátase, para o alcalde, dunha programación "moi ampla e traballada con moito mimo".
Un ano máis, o Pazo da Crega volverá ser o eixo central do Nadal en Barro e está preparado para recibir esta época do ano cunha ambientación e decoración na que un equipo de persoas voluntarias traballa "sen descanso" desde hai semanas.
Cada ano, esta decoración atrae máis visitantes a Barro.
En canto á programación deste 2024, as actividades comezan o día 20. As instalación abren ao público e Papá Noel recibirá desde a súa pousada de Barro as cartas de nenos e nenas.
A programación inclúe a presenza en Barro de Galifunk, o Apalpador, Brais das Hortas e O Mago Antón e tamén a representación do espectáculo 'Furancho' de Ibuprofeno Teatro, protagonizado por Isabel Risco e Marián Bañobre.
Participarán todos os grupos e colectivos locais, entre eles, as corais, o Grupo de Danzas, as Pandereteiras de Peñaflor ou a Banda Xuvenil.
Non faltará mercado de Nadal, os concertos na capela do Pazo ou o Acendido do Tizón de Nadal, unha actividade baseada nunha tradición secular do Nadal galego que tamén se celebrou en Barro durante séculos e que está practicamente desaparecida.
Consiste en acender un toro grande de madeira o día 23 e mantelo aceso ata o día de Reis e levarase a cabo na lareira do Pazo da Crega.
Pensando nos máis pequenos, haberá obradoiros infantís gratuítos de Nadal nas mañás dos sábados e día 31 tamén unhas badaladas miúdas.
Ese día 31, e xa na madrugada do día 1 de xaneiro, para recibir o ano novo, haberá unha festa para os maiores.
O peche do Nadal chegará cos Reis Magos de Oriente, que progagonizarán unha Cabalgata ata a Nave da Música, onde haberá música, rosca e chocolate.