Nace o colectivo "A Regaduxa" para estudar a represión franquista en Vilaboa

Vilaboa
24 de febreiro 2014

Esta agrupación está formada por persoas de diferentes parroquias de Vilaboa e ten como finalidade o estudo da memoria histórica do Concello

Un grupo de veciños de Vilaboa decidiu poñer en marcha a iniciativa "A Regaduxa. Memoria histórica de Vilaboa", que se presentou no peirao de Santa Cristina de Cobres este luns 24. Nace coa intención de desenvolver o estudo da represión franquista, o coñecemento das diferentes formas de violencia e dos lugares da represión.

Entre as diferentes actividades está prevista a organización de actos de recoñecemento e homenaxe ás vítimas. A primeira acción da Regaduxa será o domingo 16 de marzo ás 18:30 horas na canteira de Paredes a través dun acto de homenaxe ás vítimas da represión franquista.

Este colectivo formado por, entre outros, o escritor Pepe Cáccamo e os concelleiros nacionalistas de Vilaboa e Pontevedra, Ornela Fernández e Luís Bará, vai realizar un traballo de recompilación da memoria oral, ademais de investigar os arquivos para elaborar un arquivo da memoria democrática que tomará como punto de partida o listado de Nomes e voces. O obxectivo que buscan é documentar as tipoloxías da represión e os nomes das vítimas.

Durante a investigación terase en conta o simbolismo de dous espazos próximos a Vilaboa como o campo de concentración da Illa de San Simón e o do Cuartel de Figueirido, ademais do Peirao de Santa Cristina, as curvas da Regaduxa, Portas ou A Revolta de Tiroida.

O colectivo tamén ten previsto promover a instalación dun monumento en recordo das persoas asasinadas e perseguidas polo franquismo.