O servizo de Dermatoloxía da área sanitaria de Pontevedra, a Fundación Biomédica Galicia Sur e a compañía farmacéutica Almirall veñen de asinar un convenio de colaboración para poñer en marcha unha Escola de Psoriase para pacientes. Esta iniciativa busca explorar e analizar as preguntas, expectativas, necesidades, demandas e intereses de quen sofre esta enfermidade e dos seus coidadores.
A psoriase é unha enfermidade crónica que, a menudo, provoca un reto na autoestima, nas relacións afectivas e as actividades sociais do paciente e xenera estrés. Trátase dunha enfermidade complexa, que afecta a moitos eidos da saúde do paciente, non só á cutánea.
Segundo sinala a doutora María Ángeles Flórez Menéndez, xefa de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, esta iniciativa xorde co obxectivo de poder abordar os aspectos da psoriase que "preocupan e interesan desde a perspectiva do paciente" e a petición dos propios pacientes.
Para isto, habilitáronse canais de comunicación polos que os doentes enviarán á unidade de psoriase as súas dúbidas e intereses específicos, que se abordarán nun formato obradoiro con grupos reducidos de 12 a 15 pacientes cos seus acompañantes.
Todos aqueles pacientes que desexen inscribirse na nova Escola de Psoriase ou enviar suxerencias de temas a tratar, poderán facelo ao enderezo electrónico escuela.psoriasis.pontevedra@gmail.com ou depositalas nun buzón físico habilitado no servizo de Dermatoloxía do complexo hospitalario pontevedrés.