Con motivo da celebración do Día da Muller, o próximo 8 de marzo, o Concello de Marín, a través do Centro de Información á Muller (CIM), puxo en marcha un proxecto de colaboración cos centros educativos para fomentar a igualdade.
A intención desde a concellería de Benestar Social é que o alumnado dos distintos centros elabore un lema inspirador en positivo sobre a igualdade de xénero. O lema quedará reflectido de maneira permanente nun dos "bancos da igualdade" que serán doados aos diferentes centros de estudo. Estes bancos terán a estética do que se creou para conmemorar o 25 de novembro, no que aparecía reflectida unha frase procedente dunha carte dunha vítima da violencia machista en Marín.
Cada centro elaborará a súa lema propio e a idea é que mostre o compromiso da comunidade educativa de Marín coa educación en valores de igualdade e coa defensa da muller. Unha vez entregado, cada centro deberá decidir onde sitúan o banco dentro das instalacións escolares, coa idea de que sexa un punto que resulte atractivo para o alumnado.
O prazo para presentar propostas pecharase o venres 19 de febreiro. Os centros poderán dirixirse ao CIM a través do teléfono 986.891.802 ou a través do correo electrónico: cim.marin@concellodemarin.es