A tarde do luns 10 de maio e durante toda a xornada do martes 11 son as datas escollidas pola xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés para efectuar un novo cribado poboacional con probas PCR con mostra nasofarínxea en Cambados.
As probas realizaranse no Salón José Peña co obxectivo de detectar casos positivos asintomáticos de covid-19 nun municipio que se atopa coas restricións máximas que establecen as autoridades sanitarias debido ao incremento de casos activos.
Convocarase aleatoriamente e vía SMS telefónico a 1.200 persoas con idades comprendidas entre os 30 e os 39 anos con tarxeta sanitaria activa no centro de saúde do Concello.
Dous equipos de enfermería desprazaranse en cada quenda para realizar as tarefas de control co cumprimento das medidas de seguridade, realización das probas e información ás persoas usuarias
Os resultados que se obteñan no laboratorio de Microbiología da área sanitaria trasladaranse posteriormente a través de SMS. En caso de resultar positivo, o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) contactará de maneira telefónica coas persoas infectadas para indicarlles as medidas preventivas que deben adoptar.
Desde o SERGAS lembran a importancia que ten asistir a estes cribados co obxectivo de conter e superar os efectos da pandemia.
DOUS POSITIVOS NO CRIBADO DE VILANOVA
Durante o xoves 6 de maio realizábase un cribado no pavillón municipal de Vilanova de Arousa para detectar positivos. Das 1.598 persoas convocadas, con idades comprendidas entre os 50 e os 64 anos, achegáronse 991 (62,02%) e detectáronse dous positivos.
Vilanova de Arousa é o outro concello da comarca que se atopa tamén en nivel máximo de restricións co peche perimetral, que impide entrar e saír do municipio.