Desde este 29 de xaneiro ata o 31 de marzo, os estudantes de Grao e Posgrao do campus universitario de Pontevedra poderán optar aos premios que se ofrecen dentro da convocatoria de ideas para Espazo CreActivo, o edificio municipal situado na rúa Santa Clara. Trátase dunha proposta entre a Universidade e o Concello que busca iniciativas viables técnica e economicamente para que poidan desenvolverse por empresas de Pontevedra.
A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías e o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho presentaron esta convocatoria que busca ideas para embelecer, reutilizar e dotar de contidos e actividades o Espazo CreActivo.
Os premios, dotados de 500 euros, organizaranse en relación á comunicación e identidade gráfica do espazo; a humanización e reorganización de espazos comúns e os contidos creativos, indicou a concelleira.
Segundo manifestou Corbacho, a idea é que se poidan presentar ideas realizadas comúns de alumnos de diferentes facultades e, neste sentido, fixo un chamamento ás 4.000 persoas que forman parte da comunidade universitaria para participar nesta convocatoria.
Os proxectos serán desenvolvidos polos seleccionados, acompañados polas diferentes empresas de Pontevedra en cada área proposta. As empreesas serán contactadas dentro do Programa "Pontevedra ten un Puntazo". Tamén se contempla a posibilidade de que se poñan en marcha con recursos propios do Concello.