A noite de San Xoán continúa sendo unha das celebracións populares máis esperadas do ano, como o demostran as numerosas festas públicas e privadas que se organizan cada ano para dar a benvida ao verán co rito do lume. Así o reflicte en Vilagarcía o elevado número de permisos solicitados pola veciñanza para prender as tradicionais cachadas na noite do 23 ao 24 de xuño. Este ano serán 327 as fogueiras que iluminarán a noite de San Xoán en Vilagarcía, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan. Ademais, 18 establecementos hostaleiros solicitaron autorización para organizar grelladas na vía pública.
Todas as solicitudes son para realizar cachadas na noite de San Xoán, e unha parte delas tamén pide permiso para facer fogueiras na de San Pedro, que se celebra o 28 de xuño, aínda que son moitas menos.
Entre os lugares elixidos para facer as cachadas, a maioría son fincas privadas distribuídas por todo o municipio, pero tamén hai solicitudes para organizar cachadas en espazos públicos tanto en zonas rurais como urbanas, como a do barrio do Piñeiriño ou as 25 rexistradas para realizalas nas praias (todas na da Concha-Compostela coa excepción de unha en O Campanario-Bamio e outra en Canelas-Sobradelo).
A priori, o Concello autoriza a realización de todas as celebracións que tramitaron a solicitude, co condicionante de que deben cumprir as normas de prevención, seguridade e limpeza indicadas no bando publicado a finais do mes de maio. Os responsables das cachadas e os lugares de celebración quedan rexistrados para información e, de ser o caso, inspección por parte dos Servizo Municipal de Emerxencias. Aquelas fogueiras ou grelladas de hostalería que non fosen autorizadas ou para as que non se presentase solicitude previa, non se poderán levar a cabo, quedando encargados os servizos municipais de impedir o seu desenvolvemento.