Na Feira Franca, "o espectáculo fano os cidadáns, que se visten, que son creativos e senten a festa como súa"

Pontevedra
02 de setembro 2023

Lores sinalou que o Concello ten intención de ir ampliando a festa, pero "con prudencia e sentidiño para que non se desmadre". Recoñece que o que máis lle gusta da Feira Franca é "a participación de practicamente todo o mundo", que "o 100% dos pontevedreses se senten a gusto" 

Eva Vilaverde, Carme da Silva, Miguel Anxo Fernández Lores, María José Abilleira e Demetrio Gómez Cristina Saiz

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, volveu ser fiel este ano á súa cita coa Feira Franca. Edición tras edición, goza da festa e este 2023 non dubidou en asegurar que "un ano máis, a Feira Franca é espectacular".

"Só fai falta ver a cara da xente, a alegría da xente. Está esperando este día para saír á rúa e disfrutar", insistiu ao mediodía deste sábado Lores, acompañado polos concelleiros Eva Vilaverde, Carme da Silva, Demetrio Gómez e María Xosé Abilleira.

Lores confesou ante os medios de comunicación que o que máis lle gusta da Feira Franca é "a participación de practicamente todo o mundo", que "o 100% dos pontevedreses se senten a gusto" con esta feira que rememora a Pontevedra do século XV, que era unha Pontevedra puxante ,"ao igual que ten que ser agora".

Así, destacou que "o espectáculo fano maioritarmente os cidadáns, que se visten, que aportan cousas, que son creativos e que senten a festa como súa". Iso, insiste, " é o que fai a Feira Franca diferente doutras festas", que "non é unha empresa que veña facer unha festa, senón que todos os cidadáns aportan cousas".

O rexedor amosou o seu orgullo porque "cada vez hai máis xente". Aínda que as previsións meteorolóxicas facían temer un sábado pasado por auga, durante as primeiras horas deste sábado o tempo acompañou e chegaron ata a Boa Vila persoas de toda a comarca e tamén do resto de Galicia e doutras zonas de España, "gozando das rúas de Pontevedra".

Lembrou Lores que esta feira comezou coincidindo coa peonalización do casco histórico no ano 2000 "para escenificar que as rúas e as prazas son dos cidadáns, como eran noutros tempos, sen máquinas a motor" e que ano tras ano foi gañando en participación "dunha maneira espectacular".

A Feira Franca é "un día grande para Pontevedra". Días atrás, Lores chegou a falar dunha previsión de asistencia de 100.000 persoas, pero este sábado non quixo entrar en cifras, pois ve "imposible contabilizar" a participación nunha festa na que hai persoas que asisten de mañá, de tarde ou de noite, algunhas que están todo o día e outras só unhas horas.

En todo caso, "hai moitísima xente" e, para Lores, o "importante" tamén é o retorno económico que xera na cidade.

Este sábado tocou viaxar ao pasado, pero tamén mirar para o futuro e Lores recoñeceu que "non queremos tampouco que se expanda demasiado porque senón sería imposible atender con certa calidade".

Así, lembra que, ano tras ano, a festa vai ampliándose para novas zonas da cidade e cada vez hai máis negocios que non están no casco histórico que se suman á celebración. O Concello ten intención de ir ampliando pero "con prudencia e sentidiño para que non se desmadre".  

Concelleiros de todos os grupos políticos non faltaron á celebración. Polas rúas de Pontevedra estiveron, vestidos para a ocasión, os 'populares' Silvia Crespo, Guille Juncal, Iago Acuña, Juanma Muñoz ou Martín Martínez e tamén se deixaron ver pola Feira Franca os socialistas Manuel Fariña, Paloma Castro e Marcos Rey.

Consulta aquí todo o programa da Feira Franca 2023.

Arquivado en