Na Feira Franca, "non pode haber discotecas na rúa. Se se pon música, terá que ser de ambiente medieval"

Pontevedra
31 de agosto 2023

A concelleira de Seguridade e Protección Cidadá fixo un chamamento ás persoas e negocios que "participan activamente na festa" para que se "cumpran estritamente" as medidas de seguridade e contribúan a facer posible "a conservación e o mantemento do propio espírito da Feira Franca"

Ambientación na cidade para a Feira Franca Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra amosa o seu agradecemento pola súa colaboración a todas as persoas e negocios que "participan activamente na festa" e pídenlle que, como sucede desde as primeiras edicións do evento, "cumpran estritamente coas recomendacións e coas normas" que se establecen desde o servizo municipal de Festas.

A concelleira de Seguridade e Protección Cidadá, Eva Vilaverde, fixo este mércores un chamamento a que se "cumpran estritamente" as medidas de seguridade que se marcan nas autorizacións e tamén a que se contribúa a facer posible "a conservación e o mantemento do propio espírito da Feira Franca". 

Entre os 'avisos a navegantes' realizados por Eva Vilaverde figura un recordo de que "non pode haber megafonía, non pode haber discotecas na rúa", pedindo aos locais de hostalería que non poñan música de cara á rúa durante a celebración.

En caso de que se poña música, piden responsabilidade sobre o estilo. "Se se pon música, terá que ser música de ambiente medieval", sinalou Vilaverde, que engade que "non haberá barras con discotecas na rúa nin nada que se lle pareza".

Estas advertencias fanse "polo ben da festa e da súa continuidade no futuro" e para que o seu desenvolvemento sexa "acorde co que é a Feira Franca". 

Arquivado en