A día de hoxe nos nove concellos da comarca do Salnés hai 202 casos activos de violencia de xénero, dos cales 3 están considerados de risco alto, 51 de risco medio, 125 de risco baixo e 23 de risco non apreciado.
Das vítimas, 38 son estranxeiras e 160 españolas. E en relación aos autores, 22 son estranxeiros e 180 españois.
Estos datos foron facilitados pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba que tamén sinalou que, a nivel provincial, o Sistema de Seguimento Integral de casos de Violencia de Xénero do Ministerio do Interior contabiliza 1.386 casos activos, con 1.359 vítimas e 1.357 autores. A maior parte de vítimas e autores teñen entre 31 e 45 anos.
A subdelegada subliñou que 319 autores teñen máis dunha vítima e 256 vítimas teñen máis dun autor.
Do total de casos da provincia, 12 están tipificados como de risco alto, 254 de risco medio, 632 de risco baixo e 488 de risco non apreciado. "Unhas cifras que evidencian que a violencia machista é, aínda e por desgraza, unha das maiores eivas da nosa sociedade", afirmou Larriba.
Por este motivo, a subdelegada instou á Xunta de Galicia a que execute os 4,7 millóns de euros do Plan de Recuperación que lle foron transferidos polo Goberno para poñer en marcha os catro centros de asistencia integral 24 horas a vítimas de violencia de xénero nas provincias galegas. Maica Larriba lembrou que estes centros deben estar en funcionamento antes do 31 de decembro de 2023, polo que urxiu á Xunta a executar canto antes estes fondos, "xa que na loita contra a violencia de xénero non podemos perder nin un minuto".
Maica Larriba tamén anunciou que os concellos da mancomunidade do Salnés recibiron este ano 87.304 euros dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, unha contía que nos últimos cinco anos ascende a un total de case 381.000 euros.
Os datos foron trasladados pola subdelegada do Goberno en Pontevedra nunha visita ao Centro de Información á Muller de Cambados co alcalde deste municipio, Samuel Lago, e coa alcaldesa de Meis e presidenta da Mancomunidade do Salnés, Marta Giráldez, co obxecto de coñecer de primeira man o traballo deste CIM, que tamén presta servizo ás veciñas de Meis, Meaño, Ribadumia e Vilanova, e que en palabras da subdelegada supón "un exemplo para toda a provincia de colaboración e cooperación institucional na loita pola igualdade e contra a violencia de xénero".
En total, a subdelegada informou de que os diferentes concellos da provincia recibiron este ano 558 mil euros destes fondos, que suman un investimento de 2,37 millóns de euros para a loita contra a violencia de xénero na provincia durante os últimos cinco anos. "Ademais, se comparamos a cantidade transferida en 2018 coa cifra de 2022, é posible observar que o montante total destes fondos é hoxe un 44 % superior ao de fai cinco anos", subliñou.
Os concellos que recibiron os fondos do Pacto de Estado en materia de violencia de xénero deberán dedicar estas partidas transferidas pola Secretaría de Estado de Igualdade, á realización de actuacións e execucións de programas dirixidos á erradicación da violencia de xénero no marco das súas competencias.
Así, poderán realizar campañas de sensibilización e prevención; reforzar os servizos municipais de atención e información ás vítimas de violencia contra a muller ou realizar actuacións encamiñadas á formación especializada continuada de profesionais do ámbito local en materia de igualdade entre mulleres e homes. Ademais, poderán reforzar os Corpos de Policía Local adheridos ao Sistema VioGen e os Puntos de Encontro Familiar. Neste sentido, Maica Larriba quixo destacar que estas transferencias "reforzan e recoñecen o rol dos concellos neste eido, xa que os servizos municipais configuran a primeira liña de acción contra a violencia machista".