O cantante de orixe brasileira Gustavo Almeida sorprendía animando este xoves os pacientes que se atopaban no Hospital de Día Oncolóxico e no Hospital de Día Médico do Hospital Provincial con dous micro concertos que forman parte da campaña desenvolvida por 'Música en Vena'.
Trátase da primeira vez en que as unidades hospitalarias da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés acollen unha iniciativa deste colectivo.
'Música en Vena' é unha asociación sen ánimo de lucro que busca mellorar a situación dos pacientes, familiares e persoal sanitario que se atopan en contornas hospitalarias utilizando música en directo.
Acompañando a Gustavo Almeida acudiu a presidenta e fundadora do colectivo, Virginia Castelló, que destacou o labor humanizador de músicos que participan neste proxecto como o propio Gustavo Almeida e artistas tan coñecidos como Rosario Flores, Los Secretos, Carlos Núñez e José Mercé, ademais da Orquestra Sinfónica de Madrid.
A proposta busca un beneficio curativo nos pacientes a través da música e a entidade desenvolve proxectos como 'Canta e Lembra', destinado a persoas maiores e enfermos de alzhéimer e demencia senil; ou o proxecto denominado "curación de pianos" no que restauran pianos, que logran unha segunda vida en centros hospitalarios.